A empresa Pompas Fúnebres S.L xa conta ca pertinente licenza para executar as obras necesarias nun edificio da rúa Xeral
A Xunta de Goberno Local do Concello de Silleda vén de aprobar a concesión de licenza para a rehabilitación e ampliación de edificación para sala velatorio no edificio situado na rúa Xeral 31 da vila da Bandeira.
O permiso outorgouse despois de ter recibido informe favorable para a súa construción a través dunha Entidade de Certificación de Conformidad Municipal (ECCOM).
A empresa promotora dos traballos de rehabilitación, que se desenvolverán nunha construción tradicional de planta baixa e primera, é Pompas Fúnebres S.L., entidade do sector funerario que desenvolverá a súa actividade en ámbalas dúas plantas da edificación. Para a dotación deste servizo, segundo recolle o proxecto, levaranse a cabo obras de reforzo das estruturas, de ampliación do volume ata o fondo máximo permitido, e a instalación dun ascensor.
As obras, que se autorizan no marco do PXOM de Silleda e cas autorizacións necesarias da Xunta de Galicia pola afección do inmoble sobre o Camiño de Santiago, terán un orzamento de execución de 436.573,13 euros.
A superficie total das instalacións supera os 300 metros cadrados, ubicándose a sala velatorio na planta baixa, na que tamén estarán as dependencias complementarias e zonas de vestíbulos e espazos privados. Na planta alta situarase un espazo de uso público único, un bloque de aseos e as oficinas. No fondo de parcela instalarase a zona de aparcamento
Sobre a tramitación da licenza
A licenza deste velatorio foi concedida logo de terse recibido no Concello de Silleda a correspondente solicitude de permiso urbanístico acompañada dunha certificación de conformidade (ECCOM), polo que os informes técnicos e xurídicos municipais pasaron a ser facultativos e non preceptivos.
As ECCOM son entidades rexistradas como tal no rexistro da comunidade autónoma, que desenvolven actuacións de certificación, verificación, inspección e control da conformidade de instalacións, establecementos e actividades coa normativa aplicable no ámbito municipal, para o outorgamento de comunicacións previas de obras ou de licenzas municipais.
Trátase dun mecanismo para axilizar as licenzas municipais de novas construccións ou ampliacións de empresas no marco da Lei 9/2013 de Emprendemento e da competitividade económica de Galicia.