-A iniciativa recibiu o visto bo da Xunta, logo de que dende o 2008 Silleda non contara con este tipo de proxectos
-Baixo o nome “Semente de Pedra”, a iniciativa dará formación e emprego a 20 persoas durante 6 meses.
-Están previstas actuacións no entorno da igrexa de Silleda e na parcela onde se ubicará o Centro de Día Residencial
Silleda, 8 de agosto de 2016. O Concello de Silleda vén de recibir por parte da Xunta de Galicia o visto bo para a realización dun Obradoiro de Emprego. Baixo o título “Semente de Pedra”, o proxecto aprobado contará con dúas especialidades: colocación de pedra natural e xardinería e restauración da paisaxe, con 10 alumnos/as-traballadores-as por cada un deles, é dicir, 20 en total.
Este tipo de iniciativas están destinadas a persoas en situación de desemprego, maiores de 18 anos.
En cada unha das especialidades establécense varios módulos e actuacións. A través das dúas modalidades formativas, colocación de pedra natural e xardinería e restauración da paisaxe, prevense realizar dúas actuacións: no entorno da igrexa parroquial de Silleda e na parcela onde se ubicará o Centro de Día Residencial.
No primeiro dos casos proxéctase actuar nun entorno urbano, un espazo público de tránsito peonil e integrado nunha céntrica zona comercial e de ocio. O proxecto busca mellorar este entorno, eliminando barreiras e coa dotación de novo mobiliario urbano, sempre en lugares ate onde non chegaron actuacións anteriores. Paralelamente plantexarase a mellora do mobiliario urbano por medio dunha grande bancada de pedra e madeira, substituíndo así o mobiliario degradado existente, dándolle con estes materiais unha maior vida útil e que implique un case nulo mantemento nun futuro, implicando así un mantemento máis sostible dos espazos urbanos. Esta proposta inclúe tamén a creación dunha fonte máis escultural no conxunto, xa que a existente na actualidade atópase en estado de abandono, e as súas características formáis, estéticas e espaciais carecen de valor nunha contorna urbana tan marcada coma ésta.
No tocante á parcela xunto ao recinto feiral na que se construirá o Centro de Día Residencial, actuarase no ámbito da urbanización interior da finca, creando un espazo exterior de calidade destinado ao paseo e disfrute dos futuros usuarios e visitantes. A proposta, segundo se recolle no proxecto é esencialmente paisaxística. Proxéctaranse traballos de cantería e paisaxismo/xardinería creando socalcos con mampostería, hastiais, ou movendo terras para a creación de estanques e axardinamento do entorno, entre outros.
Está previsto que nos próximos días comece a selección dos 20 alumnos que se pretende comecen os traballos no vindeiro mes de setembro, cunha duración de seis meses.