Silleda, 17 de xaneiro de 2017. O executivo silledense acordou na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe modificar as bases do Plan de Axuda á Creación de Emprego. Esta modificación chega coa ampliación de gastos subvencionables no apartado de proxectos do sector Primario, do Medio Ambiente ou de I+D+I.
Neste punto, figurarán a partir de agora como gastos subvencionables os equipos informáticos, desenvolvemento e custos de páxina web, aplicacións informáticas e outros gastos tecnolóxicos, e tamén outros gastos coma a compra de maquinaria ou apeiros, instalacións (invernadoiros, sistemas de riego…) realización de pozos ou os chamados insumos agrícolas (sementes , plántulas, fertilizantes, produtos fitosanitarios…).
Así mesmo as bases que regulan a concesión destas axudas, á creación de emprego, aprobadas en Pleno o pasado ano por unanimidade de todos os grupos da Corporación, tamén se adaptan á Lei 39/2015 de Procedimentos Administrativos.
A cantidade máxima subvencionable a través destas axudas municipais é de 3.000 euros. Dende o goberno municipal a concelleira Ana Luisa González lembra que esta iniciativa, “coa que pretendemos axudar aos nosos emprendedores e emprendoras continuará ao longo de 2017 cunha nova partida específica nos orzamentos municipais”.
Dende a súa creación no ano 2015 concedéronse xa 8 axudas ao abeiro desta iniciativa “que agardamos mellorar co esta ampliación de gastos subvencionables”, indica a concelleira, lembrando que nos vindeiros días se publicarán no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOP) de Pontevedra.
Unha vez publicadas neste boletín, subiránse tamén á web silleda.gal para que as persoas interesadas poidan coñecer as características e contidos destas axudas.