Silleda, 7 de abril de 2015. O goberno municipal de Silleda aprobou hoxe as bases para o procedemento de adxudicación do proxecto de mellora da sinalización nos dous cascos urbanos do municipio. Trátase de unha ampla actuación que se executará con cargo aos fondos que lle corresponden a Silleda no Plan de Investimentos PID.
“Buscase repoñer o pintado de todos os cebreados e tamén o pintado lonxitudinal de todas as rúas, mellorando así a sinalización e con ela a seguridade viaria”, explica o alcalde.
O proxecto ten un orzamento total de 55.039 euros. En total actuarase sobre as 16 vías urbanas da Bandeira e outras 32 do casco urbano de Silleda.
A Xunta de Goberno Local acordou solicitar varias ofertas para adxudicar esta actuación coa que se actuará sobre os pasos de peóns (cebreados), flechas e outros indicativos, delimitación de zonas de aparcamento… e outros elementos de sinalización horizontal.
Áreas biosaudables
Por outra banda, na mesma sesión da Xunta de Goberno, o executivo local acordou tamén iniciar por procedemento negociado o proceso para contar co subministro dos parques biosaudables e parladoiros en seis localidades do municipio. Trátase da segunda fase de dotación do proxecto realizado con fondos Leader e municipais, para o equipamento de 16 áreas en total. A inversión total é de 51.451,51 euros. No ano 2014 realizouse unha inversión de 38.000 euros. A cantidade restante executarase nesta anualidade.
Estes novos parques situaranse en Escuadro, Graba, Negreiros, Parada, Saídres e Siador.
“Esta actuación mellora as dotacións para os veciños e veciñas do rural, que a través destas áreas teñen un novo espazo para a realización de exercicio ou para interrelacionarse”, explica Cuiña.