Silleda, 17 de marzo de 2015. A Xunta de Goberno Local de Silleda aporbou as bases reguladoras da convocatoria de subvencións para a promoción de actividades culturais e as que regularán as axudas a entidades deportivas para este ano 2015.
En ámbolos dous casos as solicitudes de subvención deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, xunto con toda a documentación requerida nas bases, durante un prazo de 20 días hábiles , contados a partir do día seguinte á publicación das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra.
As bases das subvencións para a promoción de actividades culturais teñen por obxecto establecer os criterios e procedemento para a concesión de axudas, de acordo cos principios de obxectividade, igualdade, concorrencia e publicidade. Para estas axudas destinarase a mesma cantidade que no pasado exercicio, con unha partida de 39.000 euros.
Os criterios para outorgar estas axudas tamén continuarán a mesa liña que o pasado ano. Así, estarán baseados en cuestións coma o fomento e difusión da cultura galega entre a poboación (ata 5 puntos); carácter permanente das actividades a subvencionar (ata 10 puntos); proxección cultural das actividades desenvolvidas durante o ano (ata 5 puntos); interese xeral da actividade (ata 10 puntos) ou número de beneficiarios (ata 10 puntos). Continúa tamén o criterio de fomento da cultura no colectivo infantil, unha variable que poderá puntuar ata 20 puntos.
Directores especializados e maior obxectividade
Do mesmo xeito, ademais deste último criterio, as bases das axudas culturais do Concello de Silleda, tamén volven incluir outros aspectos introducidos no pasado exercicio. Así, no caso de que unha vez aplicados os criterios anteriores non se esgote o total da partida orzamentaria, terán consideración especial aqueles colectivos ou asociacións que para desenvolver as súas actividades precisen de directores especializados. Poderán subvencionarse como máximo ata os seguintes importes: directores/as de bandas de música, 775 euros ao mes como máximo; directores/as de baile: 200 euros mes; directores/as de coro 175 euros mensuais.
Tamén terán consideración especial os colectivos con unha traxectoria temporal demostrable, aumentándose a subvención por cada tramo de 20 anos de actividade continuada en 100 euros, ata un máximo de 200 euros.
A comisión que se encargará de facer a proposta de subvencións estará presidida pola concelleira de Cultura e integrada por un funcionario/a ou traballador municipal e un técnico/a de Cultura ou animador socio cultural. A Xunta de Goberno Local será o órgano encargado da concesión das axudas.
Subvencións deportivas
No caso das subvencións a entidades deportivas, a contía total que se destina ao reparto das axudas é tamén similar a do pasado ano 2014, con 24.031 euros. En canto aos criterios de avaliación das solicitudes continúan aspectos introducidos o ano pasado, como a colaboración con actividades do Concello (ata 15 puntos) e o número de participantes directos ou indirectos nas actividades (tamén ata 15 puntos).
Teranse en conta o fomento do deporte base (ata 20 puntos); as condicións das intalacións nas que practican a actividade os clubes ou entidades (ata 20 puntos); o número de actividades realizadas durante o exercicio (ata 10 puntos); o interese xeral das mesmas (ata 10 puntos) e o número de deportistas federados ou afiliados. Tamén se valorará con ata 10 puntos se o clube se fai cargo do mantemento das instalacións (ata 10 puntos). Neste caso a comisión de valoración estará presidida polo concelleiro de Deportes, que remitirá tamén a súa proposta a Intervención e despois á Xunta de Goberno Local para a resolución final.
Nos dous casos as bases e os formularios para as solicitudes tamén estarán dispoñibles na web municipal, www. silleda.es, como vén sendo habitual, unha vez que se publiquen.