Aberto ata o día 21 o prazo para comunicar a celebración de cacharelas de San Xoán

Todas as comunicacións deben presentarse por Rexistro e cumprir as indicacións que se recollen no bando editado ao respecto desta celebración

 

O Concello de Silleda xa ten aberto o prazo para comunicar a celebración de cacharelas de San Xoán. Ao igual que no pasado ano, todas as persoas e entidades que desexen facer a fogueira na noite do 23 ao 24 de xuño próximos deberán comunicalo por Rexistro (en horario de 9.00 a 14.00 h.) ou ben a través da Sede Electrónica.

Unha vez comunicada a celebración, tal e como recolle o bando (que se pode consultar neste enlace) as persoas e entidades promotoras recibirán unha comunicación cas medidas a ter en conta para a celebración das cacharelas.

O lume deberá de quedar perfectamente apagado antes das 6.00 do 24 de xuño. Unicamente poderán ser realizadas aquelas fogueiras que teñan efectuada a comunicación  por escrito ao Concello de Silleda e as fogueiras que se realicen nos terreos particulares deberán respectar as condicións que delimitan as autoridades autonómicas en relación á prevención de lumes. Só se poderán realizar as fogueiras en terreos particulares localizados en solo urbano (núcleos urbanos) e en solo de núcleo rural (núcleos rurais).

O bando establece ademais que queda prohibido realizar lume en solo rústico con calquera uso (agropecuario, forestal…), así como en zonas próximas a terreos destas características que sexan susceptibles de causar un lume incontrolado, de acordo coa lexislación vixente.

Tamén se recollen medidas preventivas como a devasa do terreo con carácter previo a prender o lume, ou a vixilancia do mesmo, entre outros.

Bando_informativo_San_Xoan_2024