Silleda, 3 de setembro de 2015. O prazo para anotarse nas Escolas Deportivas Municipais de Silleda 2015-2016 está xa aberto. A oferta continua a bater récords cun total de 16 modalidades deportivas.
Así, a oferta das Escolas Deportivas Municipais estará composta por zumba; aerobic; pilates; kun fu; zumba para nenos; tenis; pádel; patinaxe; tiro con arco; ximnasia de mantemento; xadrez; fútbol; golf. Figuran ademais catro novas propostas: ioga, iniciación ao bádminton e ximnasia predeportiva, destinada esta última a nenos de 4 a 8 anos.
A concelleira de Deportes, Ana Luisa González Costa, explica que todas as actividades terán lugar en instalacións e recintos deportivos municipais e comezarán a impartirse o vindeiro mes de outubro. Os interesados en obter información e anotarse poden facelo na Casa da Xuventude (teléfono 986 580064), en horario de 15.00 a 20.00 horas, ou chamando ao teléfono 671 801336.
No pavillón municipal César G. Fares impartiranse as clases de patinaxe (con varias quendas os luns e venres pola tarde); bádminton (martes pola tarde); ximnasia predeportiva, kun fu (mércores pola tarde), aerobic (luns e xoves pola mañá) zumba para nenos (xoves pola tarde); tenis (martes pola tarde) e tiro con arco (sábados pola mañá).
No pavillón do CEIP de Silleda tamén se impartirá zumba e aerobic, e na Casa da Xuventude, Ioga (luns pola tarde); Pilates (martes e xoves pola tarde); e xadrez, os venres pola tarde.
As clases de pádel serán nas pistas muncipais de O Castro, os sábados pola mañá e ximnasia de mantemento no centro social os martes e xoves pola mañá.
Unha vez completada a inscrición informarase aos usuarios dos horarios e lugar das actividades.
As Escolas Deportivas de Silleda veñen sumando centos de persoas nos últimos anos, cun grande éxito de participación. Ademais, dende o departamento de Deportes tamén se promocionará a oferta deportiva, como en anos anteriores nos centros educativos nos vindeiros días informando de toda a oferta, prezos (que se manteñen respeto ao ano pasado), e tamén os horarios que están xa confirmados.
A concelleira destaca que este ano a oferta “é moi ampla, de novo con actividades tanto para o público infantil como para adultos”.