Este servizo da Xunta está pensado para persoas maiores de 60 anos, con estadías de 10 días en réxime de pensión completa nalgún dos 15 balnearios de Galicia dende xullo ata decembro
Este martes, 18 de xuño, ábrese o prazo de inscrición no programa Benestar en Balnearios da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta, que ofrece estadías de 10 días en réxime de pensión completa en 15 balnearios de Galicia, incluíndo un tratamento termal básico prescrito polo persoal médico do balneario. Trátase dun programa dirixido a persoas maiores de 60 anos (ou pensionistas maiores de 55) e un ou dous acompañantes.
Entre os destinos dos balnearios figuran Caldas de Reis, A Arnoia, Ferreira de Pantón, Vila de Cruces, Guitiriz, O Carballiño, Carballo, Cuntis, Cenlle, Lobios, Brión, Palas de Rei, Lugo ou Mondariz.
As datas e quendas van dende mediados de xullo ata mediados de decembro. Dependendo do establecemento, o prezo da praza ten tres valores: 269,17 euros; 349,89 euros; ou 377,89 euros.
As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes a partir de hoxe ata o 17 de xullo, preferentemente pola sede electrónica da Xunta de Galicia, a través do formulario con código de procedemento BS607A. De maneira opcional, poderanse presentar presencialmente no departamento de Benestar Social no Concello de Silleda.