Aberto o prazo de inscrición nos campamentos específicos para persoas con discapacidade da Xunta de Galicia 2025

O Concello de Silleda informa de que xa está aberto o prazo de inscrición nos campamentos específicos para persoas con discapacidade que organiza a Xunta de Galicia para este ano 2025 (preme aquí)

O prazo de presentación de instancias estará aberto ata o 5 de maio, preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta. As persoas interesadas tamén poderán tramitar a súa inscrición directamente no Departamento de Benestar Social do Concello de Silleda.

Estes campamentos están destinados a persoas con discapacidade de entre 11 e 50 anos, e buscan fomentar a convivencia, o contacto coa natureza e o mar, o coñecemento da cultura galega e a educación para a saúde. Trátase dun programa que tamén pretende ser un instrumento de conciliación para as familias, proporcionando un descanso a aquelas que se encargan do coidado diario das persoas participantes.

As actividades desenvolveranse ao longo de 10 días en tres instalacións da Xunta de Galicia, ofertándose un total de 250 prazas:

  • Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo, A Coruña)

  • Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán, Pontevedra)

  • Residencia de Tempo Libre do Carballiño (Ourense)

Requisitos de participación:

  • Ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%.

  • Ter entre 11 e 50 anos (idade cumprida ao inicio da quenda e non superada ao remate).

  • Estar empadroado/a en algún concello de Galicia.

  • Non presentar trastornos que alteren a convivencia.

  • Dispoñer dunha capacidade mínima de comunicación e participación nas actividades.

  • Ter unha mobilidade acorde coas instalacións solicitadas.

Prezo xeral da estadía: 125 euros, con descontos aplicables:

  • 50% de desconto para membros de familias numerosas, monoparentais ou acolledoras.

  • 25% de desconto para persoas usuarias do Carné Xove.

Para máis información, as persoas interesadas poden acudir ao Departamento de Benestar Social do Concello de Silleda.