Silleda, 8 de xuño de 2015. A Concellería de Cultura de Silleda vén de abrir o prazo para participar nos obradoiros e o desfile da Romaría do Rapaz, que celebra a súa vixésimo séptima edición o vindeiro domingo día 28, no recinto da Saleta, en Siador.
Estas actividades están dirixidas a nenos e nenas de 4 a 12 anos de idade.
As persoas interesadas deben de anotarse nas dependencias da Casa da Cultura (986 581028). O prazo de inscrición remata o vindeiro mércores 17 de xuño.
A preparación da Romaría realizarase ao igual que en anos anteriores mediante obradoiros que se desenvolverán na Casa da Xuventude, dende o luns 22 ao xoves 25, en horario de 17.00 a 19.00 horas. Nestas sesións preparanse decorados e outros elementos para adornar o entorno da Saleta que acollerá durante toda a xornada do domingo 28 a Romaría do Rapaz.
Unha das actividades clásicas e máis agardadas é o desfile de modelos confeccionados con material de refugallo. A preparación dos traxes realizarase no ximnasio do CEIP de Silleda, onde se desenvolven as actividades de canguraxe. Poderán participar os nenos e nenas, pais/nais ou titores de todos aqueles nenos que queiran participar no desfile. O horario para realizar estes traxes acordarase coas monitoras responsables do servizo.
Deste xeito, os nenos e nenas de Silleda continúan a participar activamente na Romaría do Rapaz, continuando coa filosofía desta celebración, feita por e para os nenos/as.
O programa da XXVII Romaría do Rapaz será dado a coñecer nos vindeiros días dende o departamento municipal de Cultura de Silleda.