Silleda, 10 de setembro de 2019. A Concellería de Educación vén de publicar as normas que rexerán as axudas complementarias dirixidas ás familias que precisan dunha protección especial, así como das que teñan a todos os seus membros en situación de desemprego, para libros de texto e material escolar no curso 2019-2020. Con estas axudas complementarase o 100% dos gastos. A normativa está publicada na web municipal. Como destinatarios figuran as unidades familiares con todos os seus membros en situación de desemprego, familias que precisen de protección especial, segundo a Lei 3/2011 do 30 de xuño, de apoio á familia e a convivencia en Galicia, e Vítimas de violencia de xénero, con menores a cargo, escolarizados en centros de ensino públicos do termo municipal de Silleda, que vaian cursar estudos de ensinanza primaria ou secundaria obrigatoria, no curso 2019/2020.
As solicitudes deben presentarse segundo modelo Anexo I, e cunha serie de documentación, que se recolle nas normas no Rexistro Xeral do Concello de Silleda en horario de 9:00 a 14:00 nos próximos 15 días contados a partir de mañá día 11 de setembro. As bases e anexo están dispoñibles na web municipal, no Rexistro e tamén no departamento de Educación e Benestar Social (no Centro Social de Silleda, 986 592037).
As achegas concederanse, por alumno/a, para complementar, a diferenza da axuda concedida pola Xunta de Galicia, ao abeiro da ORDE do 3 de maio de 2019 pola que se regula a participación no fondo solidariode libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2019/2020.
Terán preferencia na concesión destas axudas locais, as solicitudes coas rendas per cápita mais baixas, atendéndose ata o total máximo da dispoñibilidade de crédito orzamentario.
Becas de transporte
Por outro lado, as axudas para o transporte de estudantes universitarios e de ciclos superiores que outorga o Concello de Silleda -tamén a través do departamento de Educación- foron xa aprobadas en Xunta de Goberno Local. O prazo de solicitude abrirase unha vez que ditas bases se publiquen no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra, nos vindeiros días.