Silleda, 11 de decembro de 2014. Mañá venres día 12 ábrense ao público as exposicións sobre as dúas bandas de música de Silleda. Baixo o título “Homenaxe a un xeito de facer música”, dende o Concello de Silleda organízase este iniciativa como recoñemento á labor que veñen desenvolvendo as dúas agrupacións, obtendo nos últimos anos distintos recoñecementos e galardóns.
A inauguración da mostra da Recreativa e Cultural da Bandeira terá lugar ás 20.00 horas na sala de expocicións do Centro Cultural Vista Alegre. Un hora despois, ás 21.00 horas, abrirase na Casa da Cultura de Silleda a mostra adicada á Banda de Música Municipal de Silleda.
Nas dúas mostras, que permanecerán abertas durante todo o Nadal, amósanse, premios, actas de certames, partituras inéditas, ou fotos e instrumentos antigos, entre outros elementos.
“Con esta iniciativa dende o Concello de Silleda queremos facer un recoñemento en nome de todos os veciños e veciñas ao traballo que veñen realizando as dúas bandas, que son das mellores embaixadoras que ten este municipio”, engade o alcalde, Manuel Cuiña, que asistirá ás dúas aperturas.
A música é unha das protagonistas do programa de Nadal deste ano, con varios concertos e tamén motivos decorativos relacionados con esta arte que estará presente nas carrozas da Cabalgata de Reis do vindeiro 5 de xaneiro.