Silleda, 14 de setembro de 2013. O prazo para anotarse nas Escolas Deportivas Municipais de Silleda abrirase o vindeiro luns día 16. Para o vindeiro curso ofertaranse unha ducia de modalidades, todas co mesmo prezo que a pasada tempada.
Así, a oferta das Escolas Deportivas Municipais estará composta por tenis, pádel defensa persoal, patinaxe, kun fu, aerobic-zumba, ximnasia terapéutica, tiro con arco, ballet-baile moderno, e tamén equitación.
O concelleiro de Deportes, Klaus Brey, explica que todas as actividades terán lugar en instalacións e recintos deportivos municipais. Así mesmo, este ano, en colaboración co Club Ágora tamén se ofertarán clases de xadrez, dixidas sobre todo ao público infantil, que terán un carácter gratuito.
Os interesados en obter información e anotarse poden facelo na Casa da Xuventude (teléfono 986 580064) ou chamando ao teléfono 671 801336.
As actividades comezarán a partir do día 1 de outubro e unha vez completada a inscrición informarase aos usuarios dos horarios e lugar das actividades.
As Escolas Deportivas de Silleda veñen sumando centos de persoas nos últimos anos, cun grande éxito de participación. Ademais, dende o departamento de Deportes tamén se promocionará a oferta deportiva, como en anos anteriores nos centros educativos a partir da próxima semana.