Acordo histórico: Concello e Semana Verde pechan o convenio para compensar as débedas

 

Silleda, 18 de novembro de 2014. Hoxe quedou pechado de xeito definitivo o acordo para compensar a débeda histórica  entre o Concello de Silleda e a Fundación Semana Verde de Galicia. O convenio, pendente só de plasmar o texto definitivo e da revisión por ambas partes, selouse esta mañá no encontro que mantiveron o alcalde, Manuel Cuíña, e o director da Fundación, Ricardo Durán, xunto co secretario Xeral do Concello, Manuel Quintáns, e o coordinador económico da entidade feiral, Manuel Sanmartín.

“Hoxe é un día histórico para Silleda. Por fin, despois de moitas reunións e dun longo proceso negociador quedou zanxado definitivamente este acordo crucial para o futuro do noso municipio”, sinala o alcalde. Pola súa banda o director da Fundación Semana Verde de Galicia destaca que “este acordo e o conseguido días atrás con FCC son dous sonos feitos realidade que liberan á Fundación de dúas cargas históricas que lle impedían cumprir co obxectivo de dinamizar, grazas ás súas inigualables instalacións, os sectores económicos de Galicia. Con estes dous acordos ábrese unha etapa completamente nova, centrada na actividade, na que poderemos por fin desfrutar dun recinto multifuncional e dinámico que reporte a Galicia todo o que sempre se quixo conseguir dende a súa concepción”

Unha vez plasmado o texto definitivo e revisado por parte do Concello e da Fundación está previsto convocar nos vindeiros días unha xunta de voceiros para dar a coñecer os detalles do convenio aos membros dos grupos municipais. Así mesmo, tamén se realizará unha convocatoria para os medios de comunicación co fin de informar á cidadanía sobre o contido deste agardado convenio.

Pleno extraodinario

A aprobación deste histórico acordo quedará ratificada o vindeiro mes, nun Pleno extraordinario que está previsto celebrar a mediados de decembro. “Deste xeito cumprimos a premisa de ter pechado o acordo antes de final de ano”, indica Manuel Cuíña, advertindo que deste convenio dependen cuestións coma o orzamento municipal para 2015, que tamén se prevé cerrar o vindeiro mes, ou o traslado da Escola Municipal de Música.

O pasado mes de outubro as negociacións intensificáronse logo de varios meses nas que se celebraron reunións para perfilar o acordo. Así mesmo, na última sesión plenaria ordinaria, celebrada en setembro, deuse conta do certificado do ORAL que establece que a débeda da Fundación co Concello de Silleda se sitúa en 1,4 millóns de euros, mentres que a entidade local adebeda 300.000 euros da aportación fundacional da Semana Verde, máis intereses.

 “Logo de moitas reunións e das dificultades e dúbidas a nivel técnico, hoxe por fin podemos afirmar que o acordo está totalmente pechado e que tanto o Concello de Silleda como a Fundación Semana Verde dará carpetazo a un asunto que viña coartando as capacidades de ámbalas dúas institucións no día a día”, indica o alcalde, que tamén fai un agradecemento expreso ao traballo dos técnicos municipais.