A reubicación dos postos que se realizou dende principios de ano polas obras de remodelación da praza manterase a partir de agora
O goberno local tomou esta decisión logo de escoitar as opinións tanto do sector da venda ambulante como das persoas compradoras do mercado
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, xunto co Xefe da Policía Local mantiveron o sábado 14 de setembro unha reunión cos feirantes da Feira da Bandeira para realizar a última reorganización dos postos antes da finalización das obras no entorno da praza da Feira. Ademais, aproveitouse o encontro para coñecer a opinión dos feirantes sobre o novo reparto de postos, que foi deseñado como consecuencia de ditas obras.
Na reunión consultouse cos feirantes a súa valoración sobre a nova distribución, que implicou a eliminación dos postos situados no centro da praza e a súa reubicación nas rúas colindantes. A resposta dos feirantes foi unánime: a nova reorganización parécelles atractiva para os seus negocios, xa que xera un maior movemento de persoas e, ao mesmo tempo, permite ampliar o número de postos de venda. Do mesmo xeito, nos últimos meses, dende a reubicación dos postos por mor das obras, foron moitos os veciños e veciñas que amosaron a súa satisfacción pola nova distribución.
Así, acordouse que a nova distribución se manteña unha vez rematadas as obras de remodelación da praza e o seu entorno, que se están a levar a cabo a través dos fondos europeos do programa DUS 5000.
Os postos ocuparán toda a rúa do Parque, a rúa da Feira, a rúa Louras, a renque do Peixe, o calello da Igrexa e a rúa do Entroido.
Ademais, habilitaranse novos espazos para os novos postos que se vaian incorporando nos tramos de Agro Balo, na rúa Lourás e nun tramo máis da rúa do Parque.
Reordenación que comezou en xaneiro
“Nas últimas edicións da feira, observouse un aumento tanto no número de postos como no de visitantes, o que indica que o cambio non só mellorou a organización espacial, senón tamén o nivel de vendas”, remarca a alcaldesa Paula Fernández, quen destaca ademáis que nas últimas semanas recibíronse moitas opinións favorables sobre esta nova distribución entre as persoas compradoras habituais da feira, xa que consideran que se deseñou un espazo para este mercado (que se celebra os días 14 e 29 de cada mes) máis competitivo e ordenado en comparación co anterior reparto dos postos.
A reorganización dos postos, que agora se manterá con este acordo unánime do sector, iniciouse a finais de xaneiro deste ano, coincidindo cas obras de humanización da praza.
Neste encontro, Paula Fernández transmitiulles tamén as persoas responsables da venda ambulante o agradecemento en nome do Concello pola comprensión e adaptación durante os meses de obras.
“Ao longo destes meses mantivemos reunións e contactos que agora culminan con este acordo unánime para manter a reubicación dos postos, algo que sen dúbida resultará positivo para este mercado ambulante e o seu futuro”, indica a rexedora.