Adxudicadas a Endenor as obras de mellora e equipamento no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira

Silleda, 24 de agosto de 2016.  A Xunta de Goberno Local de Silleda acordou hoxe adxudicar á empresa Endenor Construcción, Mantemento e Servicios S.L. o proxecto de mellora do Auditorio Manuel Dopazo, na Bandeira.

Os traballos, cos que se mellorarán os accesos ao edificio ademais de renovar outras dotacións, foron adxudicados por un importe de 35.038,84 euros (IVE incluido).

Esta actuación financiarase a través da subvención xa aprobada pola Consellería de Cultura, por un importe de 11.771,33 euros, e con fondos municipais.

Coas obras, que se iniciarán nos vindeiros días, eliminaránse as barreiras arquitectónicas do edificio, a fin de facilitar o acceso de persoas con mobilidade reducida. Así, modificaranse os aseos, para facelos accesibles, e construiránse dúas rampas (na entrada principal e xunto ao escenario).

Ademais de gañar en accesibilidade, os traballos tamén consistirán na dotación de novos equipamentos, que redundarán nunha mellora da oferta cultural que se vén celebrando neste recinto da localidade.  

Deste xeito dotarase ao edificio dunha nova instalación do equipo de luz e de son.

 

 

Melloras en Carboeiro e a Fervenza

Por outra banda a Xunta de Goberno Local aprobou tamén os pregos para os traballos de mellora dos accesos e a sinalización nos dous enclaves turísticos por excelencia do termo municipal silledense: a fervenza do Toxa e o mosteiro de Carboeiro.

Dada a premura nos prazos para executar estas obras, que tamén contan cunha subvención de Turismo de Galicia, a adxudicación dos traballos realizarase por procedemento negociado, solicitando propostas a 4 empresas.

Esta actuación suporá un investimento de 49.113 euros e no caso da Fervenza do Toxa consistirá na modificación dos accesos a este enclave.

Para elo crearase unha nova zona de aparcamento, que se situará nas inmediacións da igrexa parroquial de Pazos. Ubicaráse nunha parcela do Adif, para a que xa se solicitou a súa desafección. Dende alí peatonalizarase o acceso ata o mirador, nun tramo duns 500 metros. Tamén se mellorará a a baixada á fervenza, coa colocación de travesas de madeira e terra prensada. Neste tramo colocaranse ademáis balaustres de madeira para salvar as zonas de maior desnivel. Será unha actuación respetuosa co medio, tendo en conta que se trata dunha zona incluida na Rede Natura.

Así mesmo, arranxarase a zona de Quintás, no entorno da Fervenza, para permitir o acceso con vehículos das persoas con mobilidade reducida.

Completa as actuacións xunto a fervenza a mellora da ponte de ferro, sobre o río Toxa.

Roteiro por Martixe e aparcamento en Carboeiro

A sinalización do roteiro dende Pazos a Carboeiro por Martixe é outra das iniciativas que se levarán a cabo. Neste tramo da senda tamén se prevé recuperar e sinalizar dúas fontes de auga termal, unha delas situada xunto ao mosteiro románico, onde se arranxará a zona de aparcamento con terra compactada. Este proxecto complétase con sinais indicadoras dende distintos puntos da rede viaria.