Silleda, 25 de decembro de 2012. As obras para a instalación do albergue de peregrinos da Bandeira foron xa adxudicadas pola Administración Autonómica nas últimas semanas á empresa Aopil S.L.. Segundo consta na resolución, a licitación dos traballos do edificio, con 13 módulos prefabricados, realizouse por procedemento negociado sen publicidade, solicitando ofertas a 5 empresas. Finalmente, a adxudicación, realizada dende a Secretaría Xeral para o Turísmo, fíxose á citada empresa, por presentar a oferta máis vantaxosa e cumplir os requisitos do prego de condicións.
As obras do albergue, logo do convenio entre a S.A de Xestión do Plan do Xacobeo e o Concello de Silleda, suporán unha inversión de 216.016 euros, cofinanciados con Fondos Feder.
En días pasados a empresa adxudicataria púxose en contacto co Concello para comunicarlle a resolución e acordar os traballos previos que deberá de asumir a Administración Local.
Así, o concelleiro de Turismo, Matías R. Da Torre, explica que o Concello de Silleda terá que facerse cargo da limpeza da finca e os traballos de saneamento para comezar despois a instalación dos módulos na finca cedida por unha familia da localidade na rúa Agro do Balo. O convenio entre o Concello de Silleda e o Xacobeo establece que a cesión do terreo se realizará por un prazo de 15 anos, coa posibilidade de revisar o acordo no primeiro lustro.
Da Torre celebra que “por fin, despois dunha longa espera, o albergue sexa unha realidade inminente” e lembra que se trata dun servizo “moi necesario”, para atender a demanda dos peregrinos que realizan o Camiño a través da Vía da Prata, que ata o de agora tiñan que desviarse ata o camping de Medelo.
Prazo máximo de tres meses
A resolución estabrece que as obras de construcción terán un prazo máximo de tres meses dende o seu inicio. Os traballos de preparación do terreo e saneamento da parcela comezarán nas vindeiras semanas, logo das datas de Nadal.
O edificio, con módulos prefabricados situarase na parcela da rúa Agro do Balo, cunha superficie de 1.130 metros cadrados, cedida por unha familia da Bandeira. Construirase coa colocación dun total de 13 módulos prefabricados de alta calidade, con climatización, un patio interior cuberto, e instalacións de enerxías renovables, en pranta baixa. A capacidade, como xa se anunciou no seu día, é de 36 prazas. O espazo distribuese en dormitorios, dormitorios para persoas con discapacidade, aseos, duchas e cociña-comedor. Así mesmo, as zonas disponibles entre os módulos servirán como áreas de descanso e zona de lavado e secado.
O exterior do edificio quedará revestido con paneis de resinas termoendurecibles (tipo “trespa”), mentras que os espazos xenerados entre os módulos realizaranse a base de pranchas de polietileno reticulado. O solar ten tamén acceso a través da rúa Lourás.
O concelleiro Matías R. Datorre, destaca a dispoñibilidade de servizos para os usuarios e a dinamización en sectores como a hostelería ou o comercio local coa apertura das novas instalacións, que serán xestionadas polo Xacobeo, ao igual que outros centros da rede de albergues. “Esta dotación redundará non só nunha mellora na atención aos peregrinos que nos visitan cada ano, senon tamén no sector hostaleiro e comercial da Bandeira”, engade
O convenio entre o Concello de Silleda e o Xacobeo establece que a cesión do terreo se realizará por un prazo de 15 anos, coa posibilidade de revisar o acordo no primeiro lustro.
Coa apertura das novas instalacións en A Bandeira pecharase o servizo de albergue no Camping de Medelo. Neste último, tan sólo estaban habilitadas 8 prazas. Polas características do edificio e a súa distancia (está a uns 5 kilómetros de A Bandeira e obrigaba aos peregrinos a desviarse da ruta cara a Compostela) non reunía as condicións axeitadas para dar un servizo ás persoas que realizan cada ano o Camiño de Santiago utilizando a Vía da Prata. Co peche do Camping de Medelo, desde a Concellaría de Cultura e Turismo agárdase que se poidan iniciar as conversas co Xacobeo co fin de que este espazo, que quedaría inutilizado, pase a ser municipal para poder utilizalo para como un local para o ocio e o lecer, alén do desenvolvemento turístico, por parte do Concello de Silleda