Silleda, 5 de decembro de 2015. A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de adxudicar o contrato para a elaboración do proxecto construtivo do Centro de Día Residencial, que se ubicará na parcela municipal xunto ao recinto feiral silledense.
O deseño elexido foi o presentado polos irmáns Martín e David Pereiras Corzón, baixo o lema, “Volta á orixe”.
“A verdade é que a elección foi complicada, ainda que sone a tópico, porque todos os deseños tiñan ideas e propostas moi interesantes”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, que ademais de felicitar ao estudo gañador agradece a colaboración e implicación do resto de profesionais silledenses que se sumaron á convocatoria do concurso de ideas feita pola Alcaldía.
O pasado mes de novembro, logo de escoitar a todos os arquitectos e coñecer de primeira man as características de cada unha das propostas, realizouse unha primeira selección elexindo as que se consideraron as tres mellores propostas. O seguinte paso foi convocar a estes tres arquitectos seleccionados para que presentaran a súa oferta económica detallada e concreto do custe de redacción do proxecto.
Na elección tiveronse en conta criterios coma a idea arquitectónica, estilo, solucións dos espazos, distribución interior, deseño, aproveitamento da parcela, plans cara a súa ampliación, enfoque dos distintos usos polos usuarios, terapéuticos e sociais, calidade construtiva, instalacións e equipamentos, aproximación a valoración económica…
Finalmente elexiuse a presentada por Martín Pereiras Corzón, en colaboración co seu irmán David, que presentou unha oferta económica para o proxecto de 38.849,20 euros , IVE aparte.
Así, na última sesión, e vistas as propostas económicas dos finalistas, acordouse xa adxudicar polo citado importe a Martín Pereiras Corzón a redacción do proxecto do Centro de Día Residencial de Silleda, para o que se destinarán no vindeiro ano 700.000 euros no orzamento municipal.
O estudo Pereiras Corzón encargarase pois de deseñar “unha das obras máis necesarias e agardadas polos veciños e veciñas de Silleda”, engade o alcalde.
Ademais dos irmáns Pereiras Corzón, tamén participaron os arquitectos silledenses, Alfonso Pájaro Sanmartín, Abraham Castro Neira, Natalia Campos Ferro; María José García Fidalgo, o estudo SG Arquitectos e Arquitectos Asociados.
Reinterpretación da arquitectura tradicional galega
O proxecto de Pereiras Corzón é, en palabras dos autores, unha “reinterpretación dos espazos e da arquitectura tradicional do país”, unha concepción que se enmarca na idea do retorno á infancia e as súas lembranzas co avance da idade das persoas maiores.
Dende o goberno municipal o alcalde, que reitera o seu agradecemento “a todos e todas os arquitectos participantes”, advirte que esta será “unha obra prioritaria nesta lexislatura”.
Unha vez que esté listo o proxecto procederase á licitación das obras de edificio, ao que o Concello de Silleda destinará 1 millón de euros de fondos propios.
Así, aos 250.000 euros consignados para este ano 2015, e que non se executaron, sumaranse en 2016 outros 450.000 euros (dos que 200.000 euros proceden da doazón feita no seu día polo empresario Avelino Ramos).”A residencia arrancará o vindeiro ano 2016 con estes 700.000 euros e xa para a anualidade seguinte a nosa previsión e destinar outros 300.000 euros”, engade o alcalde.