Dende o goberno municipal de Silleda infórmase da saída da concelleira Aida Castro Caramés do executivo local, motivada por unha decisión estritamente persoal, ao xurdirlle unha nova e interesante oportunidade laboral fóra do país.
Esta decisión, moi madurada, levará á concelleira Aída Castro a iniciar unha nova etapa laboral en París, como fisioterapeuta no Groupe Hospitalier Pitie-Salpêtrière Charles-Foix, un complexo hospitalario público francés.
Aida Castro Caramés, que entrou na Corporación Municipal de Silleda en setembro de 2015, substituíndo a Luís Rodríguez Vázquez, que tamén causara baixa por motivos laborais, presentou este mesmo venres a súa renuncia á acta de concelleira de Silleda.
O alcalde, Manuel Cuiña, quere agradecer a súa dedicación durante estes meses que Aida Castro formou parte do equipo de goberno.
A marcha da concelleira de xuventude, normalización lingüística e comunicación social, implicará unha necesaria remodelación das áreas no goberno municipal de Silleda, reestruturación que se dará a coñecer en vindeiros días.
Cuiña reitera que a marcha de Aida Castro responde a cuestións única e exclusivamente profesionais, e ao igual que o resto dos compañeiros, deséxalle moita sorte nesta nova etapa que iniciará proximamente.
En declaracións da concelleira, ésta comenta que “a decisión foi moi madurada, pero trátase de unha oportunidade profesional das que non se poden rechazar”, ao mesmo xeito que quere “agradecer as meus compañeiros, por suposto a Manuel Cuiña, e aos veciños e veciñas de Silleda a oportunidade de aprendizaxe que me brindaron durante esta etapa na política local”