Silleda, 12 de xuño de 2017. O Certame de Microrrelatos da Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Silleda xa ten novos gañadores. Ainhoa Fernández González, de 7 anos e alumna do CEIP de Silleda, é a gañadora da categoría de 6 a 12 anos. Na de maiores de 13, o premio recaeu en José Raúl Rivera Verdería, polo traballo “O conto do noso avó”. Este último, de 16 anos, é alumno do Colexio Plurilíngüe María Inmaculada.
Os premios consisten nunha tablet valorada en 100 euros para cada un deles, un vale de compra de 20 euros para gastar en comercios de Silleda. Así mesmo os colexios aos que pertencen recibirán senllos vales de 50 euros para mercar libros en galego para as bibliotecas dos centros.
A entrega dos galardóns terá lugar este venres día 16, ás 11:30 horas, na Casa do Concello.
O certame de Microrrelatos convocado dende a Concellería de Normalización Lingüística de Silleda recibiu un total de 216 traballos, unha cifra que da conta da consolidación desta iniciativa que botou a andar con éxito en Silleda hai xa seis anos.
Por categorías, na de 6 a 12 anos presentáronse un total de 105 traballos, e na de 13 anos en adiante outros 111. O lema deste anos foi “Os contos do meu avó”.
O xurado desta sexta edición estivo formado polos xornalistas Salomé Soutelo (Faro de Vigo) e Manuel Núñez Fiuza (O Periódico. Lalín e Comarca) e presidido pola concelleira de Normalización Lingüística, Pilar Peón. Esta última agradeceu a colaboración dos centros, dos membros do xurado e destacou tamén a creatividade e orixinalidade dos traballos presentados.