-Esta colaboración xa viñera acordada nunha primeira reunión no mes de febreiro
-O obxectivo do estudio é o de buscar solucións aos puntos débiles do comercio da vila
Silleda, 06 de maio de 2016. Aló polo mes de febreiro, mestres e alumnos do ciclo de comercio do instituto Pintor Colmeiro, mantiñan unha reunión coa concelleira de Comercio do Concello de Silleda, Ana Luisa González, co fin de sentar as bases de colaboración para a realización dun estudio de mercado do comercio do concello.
A iniciativa, nacía co obxectivo de coñecer as necesidades do mercado, isto é, analizar qué queren os que compran, e qué ofrecen os que venden, co fin de detectar as carencias e intentar mellorar así situación do comercio de Silleda, promovendo por parte do concello, cursos especializados, charlas informativas, etc.
Tras máis de un mes traballando na elaboración dunhas enquisas, dirixidas tanto a clientes coma a comerciantes, o grupo de alumnos o IES fixo a presentación das mesmas esta mañá ante a concelleira.
Trala análise do bo traballo efectuado por estes alumnos, dende o concello decidiuse que, unha vez pasados os exames, pasen a poñer en marcha o estudio, facendo as enquisas tanto a consumidores, coma aos comerciantes.
Unha vez rematada esta fase, que durará unhas dúas semanas, recolleranse os datos resultantes, valorándoos e tabulándoos, e xa de cara ao mes de setembro manterase unha reunión cos comerciantes para expoñer os resultados e propoñer dinámicas de axuda.
“Consideramos que é un estudio que beneficia a tódalas partes. Para o comercio representará unha instantánea sobre a situación e as necesidades dos potenciais clientes, e para os alumnos é unha maneira de poñer en práctica o aprendido no ciclo de formación”- indica a concelleira, Ana Luísa González Costa.
Esta medida, que ven a complementar a outras postas en marcha recentemente polo goberno, como pode ser o Plan Municipal de Creación de Emprego, pretende dinamizar a actividade comercial, e o fomento do emprego.