Silleda, 28 de marzo de 2014. A parroquia de Ansemil-Martixe celebrará o vindeiro día 12 de abril a segunda edición da Festa dos Callos e a Foliada da Pereiriña, que contará con 9 formacións musicais da comarca.
A cita comezará ás 13.00 horas no campo da Pereiriña (xunto ao centro social). O menú está composto de empanada, callos, pan, viño, postre e café, cun prezo de 10 euros. Os nenos de 6 a 12 anos pagan 5 euros e os menores de 5 poden acudir gratis. As entradas poñeranse á venda ata o día 9 de abril en Silleda (Casa da Cultura e Bodegón Ester); Martixe (Taberna Isabel); A Bandeira (Arume e A Taberna do Música); Breixa (A Nosa Taberna); O Castro (Bar Sanse) e Saídres (Taberna de Concha).
Na cita musical estarán presentes a Banda de Gaitas de Forcarei, O Son da Fervenza, Gaiteiros da Pereiriña, Pandereteiras de Siador, As Ruadeiras de Loimil, Xuntanza dos Regatos, Pau de Buxo, Grupo de Gaitas Xirandola e Pandereteiras Lilaila de Orazo.
A organización, a cargo da Asociación Veciñal e Cultural de Ansemil-Martixe os Gaiteiros da Pereiriña, prevé a asistencia á cita gastronómica de 500 persoas. Ana Guzmán, en nome da asociación agradeceu os apoios ás empresas colaboradoras e á Concellería de Cultura de Silleda por apoiar a festa, que se estrenou con gran éxito o ano pasado.
O alcalde, Manuel Cuíña eloxiou o traballo dos veciños e veciñas da parroquia e destacou o enorme éxito do ano pasado, nunha cita “con boa gastronomía, servizo e un gran ambiente”. Cuíña, que acudiu á presentación celebrada hoxe xunto con outros concelleiros do equipo de goberno avanza que a festa dos callos e a foliada da Pereiriña “se convertirá nunha das festas relevantes do Concello, onde tanto a gastronomía coma a música popular son dúas das nosas grandes señas de identidade”, dixo.