-
“Levo toda a vida traballando coma ninguén”, asegura o centenario, que goza estando coa súa bisneta Iara
-
Alegrouse coa visita da alcaldesa, que se comprometeu a ir recollelo para acudir ao primeiro baile da temporada no centro social de maiores
O veciño de Parada Antonio José Benito Taboada Ramos vén de soprar 101 velas rodeado da súa familia e coa visita da alcaldesa, Paula Fernández, e a concelleira de Benestar social, Anxela Troitiño, que non quixeron perderse esta fermosa celebración.
Benito Taboada, que forma parte xa do selecto club dos centenarios silledenses, conserva unha moi boa saúde, que lle permite dar pequenos paseos sen axuda de ninguén “aínda que as pernas dan un pouco de traballo”, asegura. Toda a súa familia coincide en que ten unha “memoria fantástica, moito mellor ca miña”, resume a súa neta Cristina entre risas.
O homenaxeado alegrouse moito coa visita da alcaldesa, á que recibiu cun enorme e prolongado abrazo. Ámbolos dous compartiron moitas tardes de festa e baile no centro dos maiores, nos que Benito Taboada era asido participante. Durante a celebración, amosando un bo sentido do humor, recoñeceu que “o que levo peor é que a miña filla Marité non me leve aos bailes”, momento no que Paula Fernández comprometeuse a ir ela persoalmente a recollelo para botar unhas bailas no primeiro baile da temporada do centro de maiores.
Demostrando a súa lucidez, Benito tivo tempo para recordar “o moito que traballei na vida, non había ninguén que traballara mais ca min”. Durante o seu relato sorprendeu a todo o mundo contando con todo luxo de detalles como, xunto ao seu irmán, cargaron a pedra para construír a casa dos avós da concelleira Ánxela Troitiño, cuxa familia natal é de Laro.
Para soprar as 101 velas Benito Taboada contou coa axuda dunha das súas bisnetas, Iara, de 5 anos, que estivo toda a visita ao seu carón. “Gústanos moito estar xuntos, pero non temos ningún dos dous moita paciencia”, recoñecía Benito entre risas.