– A decisión tomouse á vista do aviso pola entrada dunha nova borrasca na xornada deste sábado día 4, que imposibilita entre outros a montaxe da carpa donde estaban previstas as actuacións
Silleda, 2 de novembro de 2023. Os actos e actividades previstas para este sábado día 4 con motivo da inauguración da nova Casa do Concello de Silleda quedan aprazadas para o vindeiro sábado día 11.
Esta decisión foi adoptada esta mesma mañá, toda vez que se activou un novo aviso meteorolóxico para este sábado ca entrada dunha profunda borrasca centrada ó suroeste das Illas Británicas, que deixará novamente unha situación de temporal de chuvia e vento. Esta alerta imposibilita a montaxe da carpa que estaba prevista entre a praza Siñor Afranio e a rúa Cartaxena, tal e como comunicou a empresa de espectáculos esta mesma mañá.
Deste xeito, todos os actos e tamén a xornada de portas abertas ininterrumpida de 10:00 a 22:00 horas, serán trasladados á xornada do sábado 11 de novembro, manténdose os mesmos horarios e actividades previstas.
Visita do personal municipal
O novo edificio, que xa está totalmente rematado, será dado a coñecer mañá venres ao personal municipal.
Así, foi convocada hai xa varios días unha xuntanza cos traballadores e traballadoras municipais para coñecer de primeira man as novas instalacións, ás que se irán trasladando os Servizos municipais de xeito gradual para interrumpir o menos posible a atención ao público.
Nos últimos días os operarios do servizo de obras e xardinería están a ornamentar a parte traseira do novo consistorio (na fachada cara a rúa Morón).
Durante todo o día, en horario de 10:00 a 22:00 horas, o edificio terá as portas abertas para que toda a veciñanza poida achegarse a coñecer as dependencias da nova casa consistorial. Tamén no mesmo horario se servirá chocolate con churros a todas as persoas visitantes.
A xornada completarase con actividades lúdicas e musicais. Así, ás 11: 30, dará comezo o inicio do programa festivo ca actuación do grupo de música e baile tradicional Xirandola.
Os actos oficiais están previstos para as 12:00 horas, aos que seguirá a actuación conxunta das dúas bandas de música do municipio, a Banda de Música Municipal de Silleda e a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira.
Xa pola tarde, a partir das 17:00 haberá animación de rúa no entorno do novo edificio e ás 20:00 horas comezará o concerto tamén con artistas silledenses. Así, actuarán o silledense Rodrígo Ramos e o grupo local Sagafuga Blues Band.
“Será un día moi especial para todos os veciños e veciñas do municipio de Silleda, para dar a benvida á que será a casa de todos e todas, un edificio moderno, do século XXI, no que se centralizarán os servizos municipais mellorando a atención, a xestión e logrando un maior aforro”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando que a decisión de trasladar a esta ubicación no consistorio se adoptou cos votos da veciñanza no referéndum celebrado o 4 de xuño de 2017.
Traslado posterior
As dependencias municipais de Silleda iranse trasladando a partir da inauguración de forma coordinada e progresiva para evitar que se paralice a atención á cidadanía nos distintos departamentos.
A obra de remodelación, cun investimento de máis de 1 millón de euros, está cofinanciada pola Deputación de Pontevedra, que achega máis de 700.000 euros a través do programa ReacPon e a Xunta de Galicia, que aporta 250.000 euros para actuacións en materia de eficiencia enerxética.