Silleda, 4 de outubro de 2013. A Xunta de Goberno Local de Silleda quedou de novo constituída hoxe logo dos recentes cambios no executivo municipal socialista. O órgano de goberno, que se reunirá en principio todos os venres, está presidido polo alcalde, Manuel Cuíña, e integrado polos concelleiros Klaus Brey, Dolores García, Pilar Peón e Luis Rodríguez.
Nesta primeira sesión da renovada entidade ademais de diversos temas de trámites (altas no Servizo de Axuda no Fogar, cambios de titularidade, e outros asuntos) tamén se aprobou o reparto de axudas municipais a entidades culturais e deportivas, tal e como anunciara o executivo no último Pleno ordinario.
Agora, unha vez aprobado o reparto, logo da reunión da comisión de valoración, este será comunicado ás entidades beneficiarias, e logo abrirase un periodo de exposición pública.
No caso das subvencións para a promoción de actividades culturais, segundo se recolle nas bases aprobadas xa no mes de maio, a cantidade total a repartir é de 39.000 euros, similar a do ano pasado. Formularonse un total de 31 solicitudes.
No caso das subvencións a entidades deportivas, a contía total que se destina ao reparto das axudas é tamén similar a de 2012, con 24.031 euros. Neste caso acolleronse á convocatoria un total de 8 entidades deportivas.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén deu na sesión de hoxe o visto bo ás bases para a contratación de operarios á vista da convocatoria da Consellería de Traballo, de cara a posta en marcha de Programas de Cooperación para o fomento do Emprego.
O Concello de Silleda recibirá, segundo a resolución do pasado día 30 de setembro unha axuda de 36.000 euros para a contratación de 4 traballadores (un albanel oficial 1º, un carpinteiro oficial primeiro e dous peóns de limpeza viaria). Os contratos, ao 75% da xornada completa, terán unha duración de 8 meses. A selección realizarase a través do Servizo Público de Emprego.