-A contratación desta obra saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención do Partido Popular
Silleda, 13 de xaneiro de 2021. O pleno da Corporación Municipal de Silleda deu hoxe luz verde á contratación do proxecto denominado “Mellora da Mobilidade Peonil na rúa Progreso.
A sesión, de carácter extraordinaria, tiña como único punto na orde do día a aprobación deste contrato, logo de aprobarse o pasado venres o proxecto da actuación, cofinanciado con preto de 700.000 euros da subvención Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IADE) e fondos municipais. O investimento total previsto é de 823.841,24 euros.
Na sesión, á que non asistiu a concelleira do BNG, o PP interesouse por distintas cuestións técnicas relacionadas cos pregos, e tamén polo prazo de execución. O proxecto fixa un prazo máximo de 9 meses, se ben no prego de condicións puntúa a rebaixa no tempo das obras.
“Son os técnicos, os autores do proxecto os que establecen os prazos, non nós e unha cousa é a memoria presentada ao IDEA e outra o proxecto final”, indicou o alcalde, Manuel Cuiña, a preguntas do voceiro do PP, que cuestionaba que no avance inicial se falara de 6 meses.
Outra das melloras que figura no prego de condicións é a creación de 21 prazas de aparcamento temporal, como xa se avanzara en días pasados.
Os pregos de condicións subiránse nas próximas horas á Plataforma de Contratación do Estado, cumprindo cos prazos establecidos polo IDEA (que fixan como data límite para a licitación o vindeiro domingo 17). As empresas disporán de 26 días naturais para presentar as súas ofertas, contados a partir da publicación dos mesmos.
Así mesmo, nos vindeiros días darase a coñecer a ubicación do futuro parquin público na propia rúa, se ben dende o goberno se continúa traballando para lograr máis bolsas de aparcamento no entorno da mesma.
Esta actuación suporá a posta en valor e a humanización dun dos tramos máis céntricos de Silleda, con beirarrúas máis amplas, totalmente accesibles, e a renovación de todo o mobiliario urbano, incluida nova iluminación.