Silleda, 3 de outubro de 2014. A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de aprobar as bases que regulan a concesión de becas para o transporte, destinados a universitarios/as e estudantes de ciclos formativos que cursen estudos oficiais en algún dos Campus e/ou institucións da Comunidade Autonóma.
O importe máximo da subvención por beneficiario/a será de 150 euros. Poderán optar a estas axudas persoas residentes e empadroadas no municipio de Silleda, e que cursen os referidos estudos universitarios e ciclos formativos.Así mesmo, a reda per cápita familiar debe de ser igual ou inferior a 10.000 euros.
A diferencia de anos anteriores, as axudas serán con ingreso directo na conta bancarias dos beneficiarios. As solicitudes poderán presentarse nun prazo de 15 días naturais a contar dende a publicación das bases na web municipal. Esta publicación farase o vindeiro luns día 6, polo tanto o prazo de solicitude estará aberto ata o 21 de outubro.
As solicitudes deben de presentarse na Casa da Cultura de Silleda, cumprimentando o formulario anexo as bases e achegando outra documentación. Así, os solicitantes deben presentar fotocopia do seu DNI, da matrícula do curso escolar en curso, copia da renda familiar do exercicio 2013, ou no seu caso certificado da Axencia Tributaria de non telo e certificación bancaria da conta a nome do beneficiario da axuda ou no seu caso do titor/a legal do mesmo.
Estas axudas chegan con cargo ao orzamento municipal de 2014 que se aprobou a semana pasada. Dende o goberno municipal explicase que o vindeiro mes de decembro, cando se prevé aprobar as contas para o vindeiro ano, se publicará outra convocatoria de axudas ao transporte para o ano 2015.
Axudas para material escolar
Por outra banda, na mesma sesión o goberno local aprobou tamén as bases que rexerán as axudas complementarias para que as familias con poucos recursos poidan completar os gastos destinados a mercar libros e material escolar, que non lle cubre o vale concedido pola Xunta de Galicia.
As condicións e requisitos desta convocatoria tamén poderán consultarse na web municipal a partir do luns, coa normativa que rexerá as axudas, como os formularios que deben de cubrir as persoas interesadas que cumpran os requisitos estabrecidos.
Serán beneficiarias aquelas familias que precisan de protección especial ou con todos os seus membros en situación de desemprego, con alumnos/as que cursen estudos de Primaria ou ESO.
As solicitudes poden recollerse no departamento de Servizos Sociais e unha vez cubertas deben de presentarse no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 09.00 a 14.00 horas. O prazo para formalizar as solicitudes remata tamén o vindeiro día 21 de outubro.
As persoas beneficiarias das axudas recibirán un vale coa achega necesaria que lles entregarán en Servizos Sociais, para canxear nas librerías do municipio de Silleda que vendan material escolar.