A Asociación Arela e a Xunta de Galicia levan a cabo o Programa CONVIVE.COMigo. Trátase dun proceso de capacitación, valoración, formación e seguimento de persoas ou familias para convivir con adolescentes que teñan que cumprir unha medida de convivencia con persoa ou familia. Estase a desenvolver na provincia de Pontevedra)
A técnica da Asociación Arela, Eva Piñeiro, na reunión mantida con Ángela Troitiño, Concelleira de Benestar Social, e Sara Blanco, Educadora Social do Concello Silleda, na presentación do programa CONVIVE.COMigo
ARELA e a Xunta de Galicia levan a cabo o Programa CONVIVE.COMigo na provincia de Pontevedra, coa finalidade de conseguir persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (Convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). Durante este 2020 están a buscar os apoios dos diferentes concellos galegos destas provincias de cara a que poidan colaborar na difusión do mesmo e así conseguir un banco de persoas ou familias que abarquen moitos dos territorios de ambas provincias.
No día de hoxe, mantívose esta reunión onde a técnica do CONVIVE explicou o programa ás representantes do Concello de Silleda, Ángela Troitiño e Sara Blanco, amosando estas sensibilidade cara o mesmo e comprometéndose en darlle difusión entre a súa veciñanza.
A través deste programa búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo permitiralles ás/aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.
Os requisitos para formar parte deste programa son os seguintes: ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade… Á súa vez, valorase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia, formación de carácter xurídico .
ARELA ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento, con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40€ diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa.
Dende a Páxina web de ARELA (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, así como dende o seu teléfono da súa sede central, 986 21 25 37 ou a través do correo electrónico convive@arela.org
ARELA (www.arela.org) é unha asociación que leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA) coa Consellería de Política Social.