As actuacións para o control das pombas comezarán nos vindeiros días

 

Silleda, 30 de xaneiro de 2013. A firma Larus Control iniciará nos vindeiros días o programa de actuación para o control poboacional da pomba comn (Columbia Livia Varia) no municipio de Silleda. Dende o departamento de Obras e Servizos,que dirixe Manuel Cuíña, aceptouse o orzamento presentado por esta firma, por importe de 3.927 euros.

Os traballos, segundo figura no programa de actuacións da empresa, prolongaránse ata o vindeiro mes de xullo. A presenza masiva destas aves está a causar nos últimos meses problemas en localidades como Bandeira,  onde a  gran cantidade de excrementos que xeran está a supoñer un preocupante problema de suciedade e salubridade que xa motivou as queixas dos veciños. Un dos puntos máis conflictivos está na rúa Xeral, xunto á parada dos taxis.  “Neste caso hai gran cantidade de pombas que aniñaron no edificio que está ao lado, que a día de hoxe está desabitado”, explica. A Asociación de Veciños de Manduas (Avema) xa trasladara no seu día as queixas ao goberno municipal pola situación das beirarrúas neste punto, case intransitables pola gran cantidade de excrementos.

Tamén se rexistra unha elevada concentración no último tramo da rúa Ramón de Valenzuela. “Podemos chegar a ter un foco de infección se non atallamos a tempo este problema”, sinala o concelleiro.