As entradas para o Silleda Park para os nenos e nenas empadroados en Silleda xa se poden retirar no Concello

As entradas do Silleda Park para os nenos e nenas empadroadas en Silleda xa se poden retirar no Concello

 

Silleda, 14 de decembro de 2017.  O Concello de Silleda agasallará, un ano máis, aos nenos e nenas empradroados no municipio con entradas para disfrutar das atraccións do Silleda Park, o parque de atraccións de Nadal que se instalará no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca.

Haberá unha entrada para cada neno/a de entre 3 e 18 anos de idade (os menores de 3 anos non pagan entrada) que esté empadroado no municipio. As entradas xa se poden retirar no Rexistro Municipal (na pranta baixa da Casa Consistorial) ata o día 5 de xaneiro.

O parque de atraccións Silleda Park abrirá as súas portas os días 22, 23, 28, 29 e 30 de decembro e do 1 ao 7 de xaneiro, en horario de 16:30 a 21:30 horas, con diferentes atraccións e xogos para os máis cativos.

Esta iniciativa enmárcase dentro da campaña de fomento do empadroamento que se iniciou en xuño do pasado ano. Baixo o lema “Empadróate en Silleda, porque en Silleda somos máis” dende o Concello leváronse a cabo distintas iniciativas dirixidas, sobre todo, a que as persoas residentes no municipio que ainda non estiveran no censo municipal.

Entre as propostas figura tamén o certame “Nas festas somos máis”, que pechará o seu prazo de recepción o vindeiro día 2 de xaneiro. Este certame que botou a andar o pasado ano ten como obxectivo fomentar, ademais do empadroamento, a riqueza turística e paisaxística do municipio e como novidade este ano duplícase –tal e como xa se anunciara- a dotación económica e amplíase o número de premios.

Poderán participar, ao igual que na primeira edición, todos os colectivos ou asociacións, legalmente constituídas, que sexan organizadoras de festas patronais e/ou gastronómicas do municipio de Silleda.

Como novidade, o certame –que gañou o pasado ano a comisión organizadora da Festa da Paella de Cortegada- duplicará a dotación económica (pasando de 1.500 a 3.000 euros) e concederánse tres galardóns en lugar dun único premio.

O primeiro estará dotado con 1.500 euros, o segundo con 1.000 euros e un terceiro con 500€.