Silleda, 25 de xuño de 2019. A localidade de Silleda vivirá dende o 11 de xullo as súas festas de verán, nun ano excepcional no que a falta de comisión os festexos están organizados pola Asociación Cultural O Lacón, a Banda de Música Municipal de Silleda e o Concello.
O programa inclue 4 días de festa con propostas para todos os gustos e idades. As festas arrancarán o xoves día 11 co xa tradicional chupinazo dende o balcón da Casa da Cultura, ás 21:00 horas. A partir das 23:00 na praza Siñor Afranio celebrarase o Lacón Rock and Roll Stars, no que participarán tres grupos. Abrirán a noite Los Vagos, unha veterana formación (naceron no 1986 coma banda) e que se definen como “delincuentes xuvenís xubilados” que fan rock “ortodoxo” , cun repertorio propio pensado para disfrutar dos seus directos. Román Gutiérrez, Zalo Nistal , Marcos Santomé e Roberto López son os compoñentes desta banda.
A presenza silledense no festival chega da man de Morna, que farán do seu paso polo festival a súa presentación na escea musical. O trio o compoñen Javier Pujol (voz e guitarra), Luis Ramírez (baixo) e Pepelu Blanco (batería). O grupo, formado en 2018 ofrecerá o seu repertorio marcado pola fusión de diferentes estilos.
E pechará a noite Mad Martín Trío, “High Energy Rock-a-Billy”, unha banda compostelana de alto nivel, que segue colleitando éxitos logo do seu debú en 2014. Dende entón publicaron traballos como “Time To Go Mad”, que inclue temas como “Eillen”, elexido entre os 100 favoritos do ano no programa El Sótano, de Radio3.
Dende entón non pararon de actuar por toda España e distintos paises europeos, ademais de gañar no 2015 o concurso Azkena Rock Party.
O venres día 12, a gastronomía centrará unha xornada que será Festivo Local e que inclue outras propostas tanto musicais como lúdicas. Este día rematará tamén o certame de tapas organizado dende ECOS.
A charanga Chourizo Criollo, da Banda de Música de Silleda, abrirá o menú musical e ás 13:30, na praza Juan Salgueiro, terá lugar a degustación de produtos derivados do Lacón, patrocinada por Seguros Zurich de Silleda e Embutidos Lalínense, e que contará coa actuación do grupo Aires de Trasdeza, que desfilará dende o Colexio María Inmaculada ata a praza onde terá lugar a actuación (sairán ás 12:30 horas do colexio).
O publico infantil contará con inchables durante toda a xornada nas inmediacións da praza Juan Salgueiro, onde ás 18:00 horas terá lugar o espectáculo familiar A vida toda de pajarito, a cargo de Pistacatro Produccións.
Xa pola noite, tamén na citada praza, a Banda Xuvenil de Silleda e a actriz Cristina Collazo estrearán o espectáculo “Animalia” , ás 21:00 horas, como antesala da XXI Festa do Lacón, que agarda xuntar a máis de 1.000 comensais noutra velada gastronómica.
Para asistir á cea as entradas están xa á venda no Restaurante Ricardo, Bodegón Esther, e Estanco Edita. Cada lote (para 5 persoas) custa 60 euros, e inclue un lacón (asado ou cocido), viño, pan, queixo, marmelo, unha botella de mencía, un bolo de rosquillas e café.
Ao remate na praza actuará o Trío Master, e na do Siñor Afranio, o público máis novo terá a oportunidade de disfrutar coas versións dos anos 70 e 80 que ofrecerá Dani Barreiro & Friends.
Batucada, Gymkhana e verbena
Xa o sábado o pasarrúas terá como protagonista á música tradicional, con Pau de Buxo, de Saídres, e a Banda de Gaitas de Forcarei, que tamén ofrecerá un concerto ao mediodía.
Pola tarde, a partir das 18:00 horas, os máis novos poderán disfrutar dunha Gymkhana ciclista infantil nas inmediacións da praza de Juan Salgueiro, onde ás 21:00 horas chega outro concerto na rúa, da man de Raúl.
Antes da verbena da noite, a animación na vila de Silleda terá como protagonista a unha batucada itinerante polas rúas. As orquestras voltan á praza Siñor Afranio e avenida do Parque, con Emperadores e Triunfo.
Festival de Bandas
As bandas de música serán as protagonistas na xornada dominical. Pola mañá haberá pasarrúas da Municipal de Silleda e a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, que ofrecerán despois o tradicional concerto na avenida do parque. A misa solemne, cantada pola Coral Polifónica Trasdeza será ás 12:30 horas.
E a partir das 19:00 horas, o broche final ás Festas de Verán chega co XXVI Festival de Bandas de Silleda, na praza Siñor Afranio, no que ademais da formación anfritriona actuarán a Banda de Música Xuvenil de Barro e a Banda de Música de Sanxenxo.
Chamada á colaboración
Dende o Concello de Silleda agradécese a colaboración tanto da Asociación Cultural O Lacón como da Banda de Música de Silleda na organización dos festexos. As entidades colaboradoras apelan ademais á colaboración da veciñanza, lembrando que ademais da conta aberta en Abanca tamén se poden realizar aportacións no Estanco Edicta.
“Estamos seguros de que pese ao pouco tempo para a organización serán unhas grandes festas”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, que hoxe presentou o cartel xunto a membros do goberno municipal e representantes do Lacón e da Banda.