-A segunda edición do Lacón Rock Stars abrirá 4 xornadas festivas con música, animación nas rúas e actividades para todos os públicos. A comisión, que conta co apoio do Concello de Silleda e da Asociación Cultural O Lacón, apela á colaboración da veciñanza
Silleda, xullo de 2022. As Festas de Verán voltan ao calendario de Silleda. A cita será do xoves 7 ao domingo 10 de xullo con máis dunha vintena de actividades para todos os públicos.
O Lacón Rock Stars abrirá na xornada do xoves 7 o programa festivo, con concertos de tres bandas na praza Siñor Afranio. Abrirá a noite o grupo silledense de rock and blues Sagafuga, aos que seguirán The Fabulous Resaca Brothers , banda centrada tamén no blues eléctrico, e os Wondercovers, a banda tributo que versiona temas dos 60, 70, 80 e 90 (de grupos como Pink Floyd, Led zeppelin, The Beatles, Stevie Wonder, The Doors, ZZ Top, Lynyrd Skynyrd, The Cure ….).
O venres día 8, xornada de festivo local no municipio de Silleda, a gastronomía e a música volven ser protagonistas.
Ás 12:00 horas terá lugar o chupinazo dende a praza Juan Salgueiro e a continuación o pasarrúas do grupo Airiños do Trasdeza, do Colexio María Inmaculada.
Sobre as 13:30, na propia praza, celebrarase a xa tradicional degustación de lacón, ofrecida pola Asociación Cultural o Lacón, como aperitivo á gran cea na mesma praza na que se agardan a unhas 1.200 persoas.
Para amenizar o mediodía, estará a Lou Band, co seu espectáculo musical itinerante.
Pola tarde, na praza Siñor Afranio, terá lugar o espectáculo infantil musical “ A teacher Lu”, do programa Fala Redes.
Na praza Juan Salgueiro actuará, como xa é tradición a Banda Xuvenil de Silleda, dando paso á velada gastronómica, que celebra o seu 22 aniversario, e que animará a continuación o Trío Orquídea, co silledense Mixel, recanteiro do programa Luar,
Dani Barreiro & Friends voltan novamente a Silleda tras o seu exitoso concerto en 2019, para amenizar o concerto final do venres na praza Siñor Afranio, onde o fin de festa correrá a cargo da Mekánica Rolling Band, a exitosa electrocharanga que foi finalista do programa Got Talent e que gañou este ano o premio Cantalingua co tema “En busca de festa”.
Na praza da Igrexa tamén na noite do venres haberá sesión musical para a mocidade con Carlos López.
Vermú mariache e verbena con Olympus e Festicultores
O sábado día 9 chega unha das novidades do programa : o vermú Mariachi, con tres formacións que percorrerán os bares da vila con temas populares de México. Sol de Galicia, Noche de Ronda e Amigos de México serán os encargados de amenizar o percorrido. Tamén na xornada de sábado voltan as actividades para o público máis novo con obradoiros e xogos na praza Juan Salgueiro (18:00h) e actividades deportivas coma o Torneo de Deza Pádel nas instalacións de FM Sport e o partido da SD Silleda contra as vellas lendas deste equipo en Outeiriño.
A banda de Música Municipal de Silleda acompañará o sábado pola tarde (20:00 hroas) a Banda de Getafe (Madrid) como convidada nun concerto na praza Siñor Afranio.
A verbena do sábado será na rúa Pintor Colmeiro ca coñecida orquestra Olympus e a diversión asegurada co grupo Festicultores.
A xornada do domingo estará protagonizada polas dúas bandas do municipio. A Municipal de Silleda e a Recreativa e Cultural da Bandeira encargaránse do pasarrúas e concertos de mañá (avenida do Parque) e da tarde (Siñor Afranio). A misa, ás 12:30 horas será cantada pola Coral Polifónica Trasdeza.
A última xornada contará con diversión para o público máis novo con inchables acuáticos, o tobogán Río Bravo e unha festa da espuma na rúa Pontevedra.
O fin de festa será a golpe de verbena, na avenida do Parque con Ardores neste formato popular.
O programa deseñado pola Comisión de Festas, en colabroación ca Asociación O Lacón e o Concello de Silleda, xa se está a remitir a todos os domicilios, tamén co número de conta para facer aportacións, que poden ingresarse en Abanca ou no estanco Edita.
Néstor López Maceda, Luis Alberto Lázara, Alfonso Vázquez Trabazo, Diego Pérez Filloy, Javier Muiños, ou Mateo Colmenero entre outros, forman parte do grupo que no último mes está a traballar a reo para o regreso das FEstas de Verán de Silleda.
Dende o Concello o alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Cultura, Mónica González, agradeceron o traballo deste grupo, con xente nova e implicada, e para a que apelan tamén ao apoio e colaboración da veciñanza.