Iniciaron os traballos na parroquia de Cira, e continuarán en Piñeiro, Taboada, Vilar de Graba, Martixe, Pazos e Lamela
As máquinas da Mancomunidade Terras do Deza regresaron a Silleda na segunda quenda do ano, comezando os traballos na parroquia de Cira. Estas accións realizadas pola entidade comarcal están destinados a mellorar camiños e accesos a pastos gandeiros e explotacións gandeiras, e continuarán nos vindeiros días na parroquia de Piñeiro.
Prevese que as máquinas cheguen nas vindeiras semanas ás parroquias de Taboada, ao lugar de Vilar (en Graba), ao vial entre Martixe e Pazos e Lamela, conforme as demandas expostas pola veciñanza nas reunións mantidas a comezos de ano.
Desde o goberno local agárdase poder cumprir con este obxectivo de traballo, aínda que, ao estar algúns dos traballadores da mancomunidade de baixa, será necesario reforzar o servizo con persoal municipal e maquinaria adicional.
Desbroces en marcha
Por outra banda, despois de que os operarios municipais e as empresas de servizos contratadas finalizaran os traballos de reforzo de desbroces durante a época de verán, agora comezou a segunda fase de traballos do ano cun novo pase de desbroces, que se espera rematar antes de que acabe o ano.
Os traballos comezaron pola parroquia de Parada e seguirán o calendario fixado polo goberno. Neste momento, os tractores municipais seguen centrados nestes traballos, ademais da limpeza do recinto feiral Semana Verde de cara ao certame internacional Six Days de Enduro.
Os traballos continuarán ata o mes de decembro.