Silleda, 26 de maio de 2017. As obras da Residencia e Centro de Día de Maiores de Silleda están a piques de iniciarse. Así o manifestaron hoxe responsables da empresa Coviastec Silleda S.L., que mantiveron un encontro co alcalde, Manuel Cuiña, o edil de Obras e Urbanismo, Klaus Brey, o e arquitecto municipal.
Nestes días estánse a realizar os últimos trámites para a obtención de licenza de obra e xa a próxima semana se tramitará a apertura do Centro de Traballo . “En 15 poderán iniciarse xa os traballos previos da que será unha obra histórica para Silleda”, engade o alcalde, Manuel Cuiña. Coviastec Silleda S.L. investirá 3,8 millóns de euros neste centro, situado na parcela municipal xunto ao recinto Semana Verde, onde xa se realizou o axardinamento na zona de lecer exterior por parte do alumnado do Obradoiro de Emprego Semente de Pedra.
O edificio deberá de estar rematado nun prazo máximo de ano e medio dende o inicio da construcción.
Coviastec foi a única empresa que se presentou ao concurso público da concesión demanial para a construcción e xestión do futuro centro por un periodo de 75 anos. O edificio contará con 59 prazas de residencia e outras 20 de Centro de Día.
Así mesmo, o alcalde destaca que os silledenses terán neste centro unha das prazas de Centro de Día máis baratas de Galicia, cun máximo de 300 euros ao mes, e tamén unhas das prazas residenciais máis baratas da comunidade.
“Antes de que remate a lexislatura poderemos ter logo de moitos anos de espera un dos servizos máis necesarios e agardados polos nosos veciños e veciñas”, indica Cuiña.