As obras de mellora do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira comezan esta semana

 

Silleda, 23 de abril de 2013. A empresa Construcciones Areán ten previsto iniciar esta semana as obras de mellora do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, que lle foron adxudicadas a finais do pasado mes de marzo. Así llo comunicaron os responsables da empresa ao goberno municipal, durante a firma do contrato de obra, que tivo lugar onte luns.

O proxecto busca a mellora da dotación do Centro Cultural Vista Alegre, todo un referente na comarca dezana no tocante á dinamización social e cultural. Con esta nova e agardada actuación poderase completar a dotación deste centro. Nas novas dependencias, na planta baixa, plantéxase un novo acceso. Dende o vestíbulo poderá accederse á aula, aseos, sala de exposicións, escenario e tamén ao antigo edificio. Na primeira planta o proxecto plantexa a dotación dunha aula multimedia e biblioteca.

Na parte exterior actuarase con gran sinxeleza, coa dotación dunha estreita franxa de céspede que remata nun zócalo de granito da sala de exposicións. También se prevé acceso axardiñado cara ao acceso principal.

Na oferta de Areán figuran 4 anos máis de garantía sobre o previsto nos pregos de contratación,  a rebaixa no tempo previsto para a execución dos traballos (de 4 a 2 meses),  así como todas as melloras propostas no proxecto: impermeabilización do soto, pintado especial anti humidade da fachada, dotación de estanterías de pladur na zona de biblioteca e instalación de lamas de madeira na parte esquerda da fachada (en principio só prevían no lado dereito).

Esta actuación, cunha inversión de 146.500 euros, financiarase coa subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, ás que o Concello de Silleda concorreu co proxecto de mellora do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, e con fondos municipais. Así, o Concello aportará 47.070 euros a esta obra

Dende o goberno municipal consideráse que esta actuación permitirá materializar un proxecto moi necesario e que contribuirá a consolidar, aínda máis, o papel dinamizador do Centro Vista Alegre, mellorando os seus servizos e ofertas aos veciños da Bandeira e a súa contorna. “Trátase dunha das maiores inversións deste ano no municipio silledense”, sinala o concelleiro de Obras, Manuel Cuíña.