Silleda, 16 de abril de 2014. A empresa adxudicataria das obras do aparcamento da parroquia de Fiestras, Canterías y Obras Manuel Vaqueiro S.L.U., ten previsto iniciar nos vindeiros días os traballos.
Os veciños e veciñas desta parroquia silledense verán mellorado o entorno da igrexa parroquial así coma os accesos con esta actuación .
A Concellería de Medio Rural e Obras, que dirixe Klaus Brey, promove este proxecto que aposta pola dotación dun espazo de aparcamento nas inmediacións do templo parroquial de San Martiño, xa que a localidade non dispón de sitio suficiente para acoller este servizo, polo que moitas veces os vehículos invadían a pista de acceso.
Os traballos están incluídos dentro do Plan de Inversións da Deputación, que adxudicou as obras. A inversión prevista é de 35.652,78 euros, segundo se recolle no proxecto e prevese que as obras estén rematadas nun prazo aproximado de 15 días dende o inicio dos traballos.
Entre as actuacións previstas figura o desbroce e limpeza da zona de pradería onde se construirá o aparcamento, a apertura de zanxas, ou o levantamento dun muro e a reposición da zona de pradería que quede afectada polas obras.
“Era unha actuación moi necesaria para esta parroquia, e non só dará servizo aos usuarios da igrexa senón a todos os residentes nesta zona da localidade e tamén aos visitantes”, sinala o concelleiro, Klaus Brey.