Silleda, 7 de outubro de 2013. O Concello de Silleda, a través dos departamentos de Obras e de Medio Ambiente, comezou a principios de setembro os traballos para levar a auga da traída municipal ao lugar de Toxa, nas inmediacións do casco urbano de Silleda.
Os traballos entran agora na súa recta final e espérase que poidan rematar en poucos días. Trátase dunha obra moi agardada polos veciños e veciñas que levan anos agardando pola dotación deste servizo”, sinala o alcalde e responsable municipal de Obras, Manuel Cuíña, que visitou os traballos xunto co concelleiro de Medio Ambiente, Luis Rodríguez.
“Con esta dotación, dende o goberno municipal continuamos co plan previsto para dotar de abastecemento de auga ás localidades do rural, procurando extender a rede dos cascos urbanos ás localidades máis próximas”, sinala Cuíña, que tamén mantivo un encontro cos veciños dea zona, que en breve poderán solicitar as conexión. O proxecto contempla as instalacións necesarias para facer acometidas en preto de 20 vivendass. En total instalaranse preto de 1.500 metros de tubaxe nesta actuación, que se acomete con maquinaria e persoal municipal e que ten un custe de preto de 50.000 euros.
Así, o lugar de Toxa súmase ás parroquias de Ponte, Saídres, Cortegada, Taboada e Manduas, donde dende o Concello xa se procedeu á extensión da rede municipal.
Manuel Cuíña destaca tamén o gran esforzo inversor que supón facer estas obras dende o Concello, só con medios municipais.
Reparación dunha fonte
Ademais da traída, o Concello asumirá a reparación dunha fonte de Toxa, a petición dos veciños, que tamén dará servizo aos residentes.