- Ante a previsión meteorolóxica, non se fará o desfile polas rúas da vila, pero sí a tradicional recepción, con animación e chocolatada para todas as persoas asistentes. Os tres magos anuncian a súa chegada ao pavillón ás 18:00 horas, despois de visitar a Residencia de Maiores.
Silleda, 3 de xaneiro de 2025. Silleda recibirá aos Reis Magos o vindeiro domingo día 5, tal e como marca a tradición. Se ben este ano ante as previsións meteorolóxicas adversas non se poderá realizar a tradicional Cabalgata polas rúas, os tres magos de Oriente anunciaron xa que chegarán directos ao pavillón César González Fares para recoller as peticións de todos os nenos e nenas do municipio.
Entre as novidades da comitiva, figura a incorporación da Carteira Real, que precederá na chegada ás súas maxestades para axudar na recollida das misivas, e estará acompañada polos nenos e nenas da Anpa Raparigos de Silleda na súa visita á vila.
Os paxes reais acompañarán ás súas Maxestades durante a tarde no pavillón de Silleda, onde non faltará a animación de figuras que tiñan prevista a súa participación no desfile.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, será a encargada de recibir aos Reis Magos, que farán a súa primeira parada como en anos anteriores na Residencia de Maiores da localidade.
A xornada, na que non faltará a choiva de caramelos, rematará como vén sendo habitual cunha chocolatada con churros para todas as persoas asistentes.
Para facilitar o acceso ao pavillón, abriránse as portas pasadas as 17:00 horas.
Dende o Concello de Silleda agradécese a participación nesta cita de todas as persoas voluntarias e entidades que colaboran neste evento, un dos máis agardados e concorridos dos que se celebran ao longo do ano.