Silleda, venres 27 de novembro de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, asinou esta mañá co responsable de Quorum Económico S.L., Francisco Jesús Ferreiro, o contrato para a realización do chamado Mapa Agrario de Silleda.
Con este estudo botará a andar o futuro Centro de Desenvolvemento Agrario, “o proxecto máis ambicioso que esperamos levar a cabo nesta lexislatura”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
O contrato ten un custe de 13.310 euros (IVE incluído) que se abonarán con cargo aos orzamentos de 2016, -aprobados no pleno de onte- en varios pagos.
A empresa é unha entidade formada por personal vinculado á Universidade que desenvolve actividades en asesoramento empresarial e institucional e con experiencia neste ámbito.
O primeiro obxecto do contrato será a elaboración do mapa agrícola, un estudo preliminar consistente na recollida de información estatística e do medio físico do ámbito de estudo que comprende todo o termo municipal de Silleda. Así mesmo prevese a realización de entrevistas conducente ao mellor coñecemento dos axentes involucrados no desenvolvemento rural da zona.
A entidade tamén realizará un estudo de aptitudes de cultivo baseado en ferramentas GIS, traballo que pasa pola elaboración do mapa agrario con ferramentas de información xeográfica e no que se xustifiquen os cultivos máis recomendados para cada zona do territorio silledense.
A rendabilidade dos cultivos é outro dos obxectos de estudo, con asistencia técnica na que se determinen as principais producións e establecemento do seu albor de rendibilidade, así como o estudo xeral de rendibilidade por cada unha destas.
Canles de comercialización dos produtos e plan formativo
O Centro de Desenvolvemento Agrario xurde como proposta do goberno municipal como medida para revitalizar o rural e o sector primario, “que segue sendo a base da nosa economía local”, engade o alcalde. Con esta iniciativa búscase unha menor dependencia do sector leiteiro e un maior aproveitamento das terras adicándoas a actividades agrarias.
Unha vez realizado o mapa agrario, a empresa presentará un estudo sobre canles de comercialización dos produtos e deseñarán un plan formativo con recomendacións xerais.
Ademais de canles de comercialización tamén se creará unha escola agraria, “porque a formación será un dos eixos desta iniciativa”, engade o alcalde”.
“Queremos ter primeiro a radiografía do noso termo municipal, ver qué cultivos son os máis axeitados en cada zona, en cada parroquia, para logo deseñar accións formativas e apoiar a comercialización dos produtos, coa maior rendabilidade posible para os nosos agricultores e agricultoras e co menor número de intermediarios posible”, explica o alcalde.
O concelleiro de Medio Rural, Jesús Taboada Lázara, será o interlocutor dende o Concello de Silleda para este traballo, que ten unha duración estimada de 7 meses, como máximo.
O equipo de traballo de Quorum estará formado por Francisco Jesús Ferreiro Seoane, responsable do proxecto, doutor, e profesor da Economía Aplicada da USC e de Relacións Laborais da UDC., experto en desenvolvemento local e membro do equipo de investigación de medio rural da USC; Álvaro Martínez Roel, enxeñeiro agrícola pola USC. Experto en economía agraria e que está a traballar en diversos proxectos de desenvolvemento agrario promovidos por concellos galegos; Manuel Octavio Del Campo Villlares, doutor e profesor de economía aplicada da Universidade da Coruña, e Marta Camino Santos, licenciada en ADE, membro do equipo de investigación de Economía Aplicada da USC. Mestrado en Tributación e Fiscalidade e Mestrado en Contabilidade Superior e Auditoría de Contas.
A empresa comprométese a informar ao da marcha dos traballos realizados para o que remitirá informes periódicos, e unha vez terminados emitirá un informe final establecendo as conclusións ás que se chegara.
Está previsto que o Centro de Desenvolvemento Agrario, un proxecto complexo que se prevé realizar a medio ou longo prazo, teña a súa sede no antigo edificio da Cámara Agraria de Silleda. “Este é un dos retos que nos marcamos dende o equipo de goberno co obxectivo final de contribuir á creación de emprego”, explica Cuiña.