Asinado o convencio para a reparación da Ponte do Demo, en Carboeiro

Silleda, 13 de novembro de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, asinou hoxe en Santiago o convenio coa Consellería de Educación e Cultura para o arranxo da Ponte do Demo, en Carboeiro, que une o municipio trasdezao co de Vila de Cruces, sobre o río Deza.

Esta actuación, na que se investirán preto de 55.000 euros, era unha vella demanda, debido ao mal estado no que se atopaba este paso histórico. “Agardamos que as obras poidan realizarse canto antes para poñer fin aos problemas estruturais desta ponte, situada no entorno dun dos emblemas turísticos e patrimoniais da comarca, como é o mosteiro románico de Carboeiro”, explica o alcalde.

Cuiña lembra que nos últimos anos mesmo chegaron a desaparecer algunhas partes da ponte, ameazada polas enchentas do caudal e outros danos, que agora se arranxarán co proxecto de restauración do tímpano e muro de encanamento, co que se reconstruirán os elementos danados.

Aproveitando a sinatura deste convenio, o alcalde lembrou aos responsables da Consellería a necesidade de arranxar “tamén de maneira urxente” a Ponte da Pedra, situada na parroquia de Chapa. O rexedor indica que o deterioro desta última, situada en pleno Camiño de Santiago, sobre o río Toxa “pode que sexa aínda maior”, e lembra que rexistra un maior tránsito que a de Carboeiro.

O rexedor explica que tanto nesta lexislatura como na anterior, “viñemos reclamando ante Patrimonio a reparación urxente destas dúas pontes históricas. Agradecemos o proxecto para Carboeiro, pero continuamos alertando da apremiante necesidade de actuar, canto antes, tamén na Ponte de Pedra, con graves danos na súa estructura e o conseguinte perigo”, apunta.

Visita dos técnicos

Neste senso, Cuiña foi informado hoxe na Consellería de que os técnicos xa realizaron unha visita á Ponte da Pedra, e que nos vindeiros días volverán para seguir traballando de cara a realizar un proxecto para este paso. “Esperemos que a Consellería atope pronte financiación e se poida acometer tamén de forma urxente a mellora nesta ponte”. 

 

Manuel Cuiña, segundo pola dereita, asinando co conselleiro da Cultura e outros alcaldes o convenio para a reparación de pontes históricas