Avanza a creación da primeira comunidade enerxética local co proxecto de instalación de paneis fotovoltaicos

O Concello fai un chamamento a cidadanía para constituír o Grupo Tractor da Comunidade

Despois de anunciar hai uns meses a súa intención de crear a primeira comunidade enerxética local, o Concello de Silleda da agora un paso importante no marco desta iniciativa coa preparación do proxecto para a instalación de paneis fotovoltaicos no Centro de Maiores. Deste xeito, poderán subministrar enerxía as vivendas situada nun radio de un quilómetros arredor deste centro.

A instalación destes paneis permitirá aos veciños e veciñas adheridos á comunidade enerxética beneficiarse dunha redución nos custos da súa factura eléctrica, promovendo ao mesmo tempo o uso de enerxías renovables e sostibles.

O proxecto presentarase ás liñas de subvención supramunicipais, pero para acceder a estas axudas é imprescindible que a comunidade enerxética estea previamente constituída.

Por este motivo, o Concello fai un chamamento á cidadanía para que se sume á iniciativa, formando un grupo tractor de como mínimo cinco persoas que se impliquen activamente na súa posta en marcha. Nos vindeiros días colocaranse bandos informativos para dar conta deste chamamento.

Cabe destacar que non hai ningún tipo de compromiso económico entre o concello e os participantes, nin a curto nin a longo prazo, ata que as placas fotovoltaicas estean instaladas. Iso si, as persoas que se unan primeiro á comunidade terán prioridade no reparto da enerxía xerada.

A previsión é que as instalacións poidan  executarse ao longo do vindeiro ano  2025, sempre que a comunidade estea constituída a tempo para cumprir os prazos establecidos na convocatoria das axudas.

Os veciños e veciñas interesados en participar ou en recibir máis información poden contactar co Concello a través do correo electrónico xestionurbana@silleda.gal.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, subliña que “este proxecto será un paso fundamental para lograr un modelo de consumo máis sostible e beneficioso para a veciñanza, tanto a nivel económico como ambiental». «A comunidade enerxética será un referente na loita contra o cambio climático e na promoción de enerxías limpas”, engade a rexedora.