Azaloira reúne o domingo 16 a seis dos mellores grupos de baile tradicional de Galicia

 

Silleda, 31 de maio de 2013. O certame de baile tradicional galego Azaloira celebrará o vindeiro domingo día 16 de xuño a súa décimo terceira edición, consolidado xa como un dos concursos con maior nivel e prestixio do panorama galego.

A cita, organizada pola agrupación Fortín da Pomba, celebrarase no auditorio Manuel Dopazo a partir das 18.30 horas coa participación de seis agrupacións: Malveiras, de Vilagarcía; Trébede, de Marín; A Ponte Vella, de Reis-Teo; Traspés, de Vigo; Donaire, de A Coruña; e Os Xeitosos de Trazo. Tamén pasarán polo escenario os integrantes do grupo anfitrión e da súa escola, cos integrantes máis novos.

Na presentación do cartel, que tivo lugar hoxe na Bandeira,  participaron a presidenta da agrupación Fortín da Pomba, Josefa Ferreiro, a concelleira de Cultura, Margarita Campos, a alcaldesa, Paula Fernández e o profesor do grupo, Simón Díaz Muñiz.

Josefa Ferreiro explicou que este ano os premios rebaixaron un pouco a súa contía, aínda que se mantén a aportación do Concello. “Se non fora polas achegas dos empresarios e comerciantes que colaboran e o que nos dá o Concello, Azaloira non sería posible”, dixo a presidenta.

O primeiro premio ten unha dotación de 1.200 euros, o segundo de 700 (antes eran 800) e o terceiro de 400 (antes de 500). Os tres grupos tamén levarán os trofeos coas Azaloiras, nome que se lle da ás bailarinas tradicionais vestidas de gala.

Dende a agrupación destacan o nivel dos premios e tamén dos grupos participantes, de feito unha das agrupación que participarán (Traspés) representa este ano a Galicia no prestixioso festival intercéltico de Lorient.

Os grupos participantes deben ser mixtos (con 5 parellas como mínimo), bailar dúas pezas de 7 minutos máximo cada unha, e contar con acompañamento en directo e traxes tradicionais.

O xurado estará formado por tres recoñecidos membros do folclore galego a a concelleira de Cultura como secretaria, sen voto.

Margarita Campos, sinalou que dende o Concello se seguirá apoiando este concurso,” xa consolidado entre os mellores”.

“Que se sigan facendo actividades así coa que está caendo demostra o interese do grupo en dar a coñecer un traballo tan fermoso como a promoción do folclore tradicional galego”, sinalou a alcaldesa, Paula Fernández, que ademais destacou que Azaloira “é un festival que se disfruta e proxecta a imaxe de Silleda”, engadiu.