Tamén poderá facerse co seu kit a veciñanza do rural que queira achegar o seu lixo ao núcleo urbano
O Concello desenvolveu nos últimos meses un intenso programa de sensibilización para a recollida de residuos orgánicos
O Concello de Silleda implantará o xoves 11 e o venres 12 de abril os dous últimos puntos informativos para darlle a coñecer á veciñanza o novo sistema de recollida de residuos orgánicos. As persoas interesadas poderán recoller nestes mesmos puntos o kit e a chave para abrir o contedor marrón de residuos orgánicos.
Seguindo a normativa europea, Silleda dispón dende o 1 de xaneiro deste ano de novos contedores de cor marróns para residuos orgánicos, que se suman aos xa existentes de envases (amarelos), papel e cartón (azuis), vidro (verdes) e resto de lixo (grises). Estes contedores marróns son os que dispoñen dunha pechadura para a cal é precisa a chave.
O Concello de Silleda, conscente de que unha recollida de lixo máis eficiente grazas á separación de residuos contribúe á reciclaxe e minimiza o impacto ambiental, desenvolveu nestes últimos meses unha intensa campaña de sensibilización entre a veciñanza para dar a coñecer os contedores marróns e o novo sistema de recollida de lixo. A tal efecto, instalou puntos informativos, programou charlas e visitas a domicilios e comercios, impulsou obradoiros nas escolas e intensificou as campañas de compostaxe no rural, accións todas elas que se uniron ao reparto de kits e chaves para fomentar o uso dos novos contedores.
No marco desta campaña, Bandeira, o xoves 11, e a praza do Concello de Silleda, o venres 12, serán os dous últimos lugares nos que se instalarán puntos informativos. Neles, a veciñanza disporá dunha nova oportunidade para facerse cos kits, compostos dun cubo e folletos, que facilitan o uso do contedor marrón. Ademais, nesta ocasión tamén poderán solicitar o seu kit os habitantes do rural que, aínda que non dispoñen de contedor marrón, están dispostos a achegar os seus residuos a algún dos existentes nos núcleos urbanos.