XVIII CONCURSO DE ESCAPARATES
“NADAL GALEGO 2017-18"
BASES
OBXECTIVOS
Estimular nos comerciantes e empresas do municipio o movemento dos escaparates, de
maneira que se dispoñan artisticamente e con sentido publicitario e comercial os produtos
que se mostran.
Crear un ambiente máis festivo e que motive aos veciños de Silleda e visitantes a ver e mercar
nos comercios locais.
PARTICIPANTES E INSCRICIÓNS
Poderán participar tódolos comerciantes e empresarios do Concello que posúan escaparates
de exterior preparados de acordo cas condicións xerais que regulan o concurso.
Non se esixirá inscrición previa mais, unha Comisión de Admisión determinará que
establecementos entrarán a formar parte do grupo de seleccionados para o concurso final.
ÁMBITO
O ámbito será municipal. Calquera establecemento comercial, se cumpre as condicións
mínimas requiridas poderá ser considerado concursante.
PREMIOS
1º.- PREMIO CONCELLO DE SILLEDA: 200,00 € e Diploma, outorgado polo Concello
de Silleda.
2º.- PREMIO AO MÁIS ORIXINAL E INNOVADOR: 150,00 € e Diploma, outorgado polo HOTEL VIA ARGENTUM.
3º.- PREMIO AO MÁIS COMERCIAL CON EXPOSICIÓN DO PRODUTO : 100,00 €
e Diploma, outorgado pola ESTACIÓN DE SERVICIO SILLEDA
DESENVOLVEMENTO
1.-Para determinar quen participa, a organización anotará aqueles que a partir do 6 de
Decembro de 2017 teñan os seus escaparates elaborados conforme ós requisitos e merezan ao seu criterio a participación.
2.-En datas posteriores, sempre dentro do tempo esixido de exposición, o Xurado sen previo
aviso realizará a súa avaliación, observando un a un cada escaparate dos previamente
seleccionados pola Comisión de Admisión.
3.-Os premios serán outorgados a aqueles concursantes que en base a 10 puntos por cada
concepto, acaden a máxima global segundo os seguintes criterios de valoración:
ORIXINALIDADE E INNOVACIÓN
ILUMINACIÓN
COMERCIAL E DE EXPOSICIÓN DO PROPIO PRODUTO .
4.-As deliberacións do xurado serán secretas e as súas decisións inapelables en todo caso,
podendo declarar desertos todos ou cada un dos premios previstos.
5.-Tendo en conta as diferenzas existentes entre os distintos comercios e os produtos que
se poden expoñer, valoraranse os medios e recursos cos que se contan así como o esforzo
feito en cada traballo.
ENTREGA DOS PREMIOS
Os premios serán entregados o día 4 de xaneiro de 2018, no Salón de Plenos do Concello previa comunicación de resultados.
COMPOSICIÓN DO XURADO
O xurado estará composto por varias persoas, mínimo tres, con cualificación suficiente para saber valorar os traballos que se expoñan. Na presente edición estará integrado polo alumnado e profesorado do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais do IES Pintor Colmeiro de Silleda, coa limitación de que non poderán ter relación directa cos participantes dos escaparates.
Estará presidido polo Alcalde do Concello de Silleda ou persoa en quen delegue.
CONDICIÓNS XERAIS
1.-Só entrarán en concurso escaparates de exterior.
2.-Deberán estar elaborados na semana do día 6 de Decembro do 2017, data a partir da que a organización determinará os que entren a participar, e permanecerán en exposición ata o día 5 de Xaneiro do 2018. Durante estes días, intentarase non modificar o escaparate concursante en canto ó contido e non poderán engadirse carteis ou reclamos que modifiquen o verdadeiro espírito do concurso.
3.-Nos deseños ou exposicións deberán ofrecerse detalles alusivos ás festas do momento,con presenza obrigada de produtos de venda do establecemento, sendo libre a temática a empregar. Valorarase o esforzo por renovar os escaparates e o uso do galego nas mensaxes.
4.-Co ánimo de favorecer a participación masiva, só se poderá conceder un premio por comercio, aínda que prepare varios escaparates, podendo obter máis, se dita empresa tivese sucursais, suposto no que sería considerado coma un concursante distinto.
No suposto de contar un establecemento con varios escaparates, entrará a concurso un deles, o cal será claramente diferenciado do resto. Neste caso a comisión terá en conta esta circunstancia.
5.-Tamén co desexo de dar maior promoción ó comercio do concello, deberán manterse iluminados os escaparates, ata as nove da noite.
6.-A participación no Concurso supón a total aceptación das presentes bases.
ORGANIZA: CONCELLERÍA DE COMERCIO.Concello de Silleda.
COLABORAN:
*HOTEL VIA ARGENTUM
* ESTACIÓN DE SERVICIO SILLEDA
* Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais
do IES PINTOR COLMEIRO de Silleda.