Silleda, 29 de novembro de 2016-. O Obradoiro de Emprego Semente de Pedra vén de iniciarse en Silleda cun total de 20 alumnos e alumnas. A sede desta iniciativa ubicarase na antiga Cámara Agraria e Escola de Música, na rúa Pontevedra.
O obradoiro, que se celebrará durante os próximos 6 meses, conta con dous módulos: un de Canteiría e colocación de pedra natural, con 8 alumnos/as e outra de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, con 12 alumnos/as.
O obradoiro que estará dirixido por María del Carmen Vidal, contará con un titor dous profesores e un administrativo, formando o corpo técnico.
O alcalde, Manuel Cuiña deulles hoxe a benvida a todos os participantes nun acto ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial. Cuiña, que agradeceu a Xunta a concesión desta iniciativa que levaba xa 8 anos sen celebrarse en Silleda, destacou a oportunidade que suporá para os participantes “compaxinando a formación e o emprego e deixando a súa impronta en dúas obras destacadas”, engadiu.
Así, o alcalde lembrou que o módulo de xardinería se encargará de adecentar a parcela municipan na que se construirá o Centro de Día Residencia, “a obra máis demandada polos veciños a día de hoxe”.
No tocante ao de Canteiría, os traballos realizaranse no entorno da praza da Igrexa incluíndo a realización dun orixinal proxecto plantexado hai tempo dende o Concello: a remodelación da fonte da praza cun orixinal deseño no que estarán representadas as 33 parroquias do municipio.
Pola súa banda, o xefe territorial de Economía e Industria felicitou ao Concello de Silleda por este obradoiro, un dos 29 que se están a celebrar na provincia de Pontevedra, e lembrou os datos satisfactorios de inserción laboral que acadan este tipo de iniciativas de promoción do emprego, que aportan ademais certificados profesionais ao alumnado.
Cores Tourís pechou o acto destacando as obras a realizar e a importancia da formación de cara á incorporación no mercado laboral. Tamén indicou que o proxecto deseñado polo Concello de Silleda foi un dos que máis puntos acadou.
O obradoiro percibiu unha axuda por valor total de 179.134,20 euros,.