Carlos Blanco abre este sábado o programa cultural de outono en Silleda, cunha vintena de actividades

Silleda, 25 de setembro de 2019.  A axenda de cultura e ocio en Silleda contará este outono cunha vintena de actividades para todos os públicos. A programación arranca este sábado cunha das citas máis agardadas, a do coñecido humorista e actor Carlos Blanco, que estará no auditorio da Semana Verde (21:00 horas) co seu novo monólogo titulado Queres kiwis?. As entradas aínda se poden adquirir no Concello (10 euros) ou a través do portal Woutick. En taquilla venderánse a 13 euros.

Tamén o sábado pola tarde (16:30) arrancará dende a praza Juan Salgueiro a primeira carreira de orientación de Silleda, unha cita que porá a proba a pericia dos participantes (en grupo ou de xeito individual) para percorrer os recunchos da vila guiados por mapas.

Outubro arrancará con Viravolta Títeres, que o sábado 5 de outubro levará a Silleda o espectáculo “Cómicos da Legua”, unha cita itinerante a partir das 12:30 horas polas rúas que rematará cun teatriño de títeres e música na praza Juan Salgueiro.

Tamén en outubro o teatro chegará ata a vila da Bandeira cunha das compañías máis recoñecidas do panorama galego, Sarabela Teatro, que o domingo día 20 poñerá en escea a obra Normas para saber vivir na sociedade actual, a voraz crítica social escrita polo francés Jean Luc Lagarce. A cita, con entrada de balde, será no auditorio Manuel Dopazo ás 21:00 horas .

Tamén en outubro se presentará nas dúas vilas do municipio a obra póstuma de José Villaverde (que foi director das Bandas de Silleda e da Bandeira) titulada “Andainas dun músico no rural”, de Edicións Fervenza. A presentación terá lugar o venres 4 de outubro no Centro Cultural Vista Alegre e o venres 11 na Casa da Cultura de Silleda.

Para os máis cativos, na biblioteca pública Daniel Castelao haberá tamén varias citas. Así, o luns día 14 pola tarde Pedro Bugarín porá en escea o espectáculo “Maxia para todxs” e o luns 21 celebrarase tamén pola tarde unha sesión sobre ciencia e muller: “Con-ciencia de Muller”, a cargo de Eduvía.

Tamén dende a Asociación Cultural Vista Alegre o venres día 11 se abrirá ao público unha mostra do pintor lalinense Nicolás González Aller.

Mulleres Galegas e Café concerto e doces en Parada

Precisamente a muller tamén será progatonista dalgunhas das accións durante este outono en Silleda. O 15 de outubro, coincidindo co Día da Muller Rural, abrirase ao público na Casa da Cultura de Silleda  aexposición Mulleres Galegas, da man da Deputación de Pontevedra, unha mostra que representa as biografías dalgunhas das mulleres máis senlleiras da Historia de Galicia en diferentes eidos.

Por outra banda, na parroquia de Parada volta a iniciativa veciñal baixo o título “Café, concerto e doces”. Será o domingo 20 de outubro coa actuación do grupo de música tradicional Caldo.

 

Entradas para De Simba a Kiara

A andaina de Goza do Ulla entre Cira e San Miguel de Castro, completa o mes de outubro que rematará co espectáculo “De Simba a Kiara”, un tributo ao musical do Rey León da man de On beat producciones.  Dende a concellería de Cultura, aclarase que non se trata do musical que se pode ver en Madrid, senon dun tributo. Esta actuación terá carácter solidario, entregándose parte da recadación a Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. As entradas xa  poden adquirirse por internet e tamén no Concello, onde teñen un prezo de 12 euros (15 euros en taquilla).

Estrea de María Pita o 16 de novembro

O mes de novembro comezará e rematará con música. No auditorio Manuel Dopazo, o sábado 9 terá lugar o festival de Bandas da Bandeira e o sábado 16 tamén no mesmo auditorio a actriz silledense Cristina Collazo fará a estrea do seu novo espectáculo teatral, unha obra sobre María Pita, seguindo a estela de A Cova das Letras de poñer en valor a mulleres vinculadas á nosa historia e tradición. O espectáculo tamén se representará despois en Silleda.

No apartado de exposicións dende Vista Alegre abrirase o día 8, data na que o colectivo cultural celebrará o seu magosto popular, unha mostra colectiva de pintura, escultura e fotografía ca participación de diversos artistas da nosa Comunidade autónoma, baixo o lema “Cor, forma e luz”. Tamén na Casa da Cultura de Silleda , do 20 de novembro e ata o 3 de decembro poderá verse a exposición de fotografías “Nós”, de Luis Taboada Brea, na que son protagonistas os usuarios e actividades do CDR –Medelo de Cogami.

O sábado 30 de novembro a programación de outono remata cunha dobre cita: o Concerto de Santa Icía da Recreativa e Cultural da Bandeira e o Festival de Corais no Camiño de Inverno, unha nova iniciativa da Coral Polifónica Trasdeza.

A programación comezará a difundirse nos vindeiros días en puntos coma o kiosko situado xunto á praza da Igrexa. “Iranse dando os detalles de todos os eventos nos vindeiros días”, indica a responsable de Cultura, Mónica González que hoxe presentou co alcalde, Manuel Cuiña a programación de outono.

“Temos unha programación moi variada na que tamén contamos, coma sempre coa iniciativa das moitas asociacións e colectivos culturais e veciñais, un dos mellores activos do municipio de Silleda que fan que sigamos sendo referente en ámbitos coma  o cultural”, engade o alcalde.

O día 1 de decembro arrancará xa o programa de Nadal, no que xa se está a traballar dende distintos departamentos municipais.