Carlos Callón presenta en Silleda o seu libro Cómo falar e escribir en galego con corrección e fluidez

 

-A presentación da obra, editada por Xerais, terá lugar ás 21.00 horas na biblioteca municipal Daniel Castelao

 

Silleda, 15 de decembro de 2012. O vindeiro martes día 18, dentro da programación de Nadal, terá lugar en Silleda a presentación do libro “Como falar e escribir en galeg con corrección e fluidez”, de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. A cita será ás 21.00 horas na biblioteca municipal Daniel Castelao, e ademais do autor da obra, participarán o concelleiro de Cultura, Matías R. da Torre e o  coordenador de Queremos Galego Deza, Afonso Leal.

Editada por Xerais, nesta obra práctica Callón, de xeito desenfadado e mediante anécdotas, ofréce consellos para darmos o paso de usar o galego e para mellorarmos a nosa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos moitas veces non son de orixe gramatical, senón social. Este libro é útil para un público diverso, interesado na lingua nosa, desde persoas que queren comezar a falala ata estudantes de calquera nivel ou persoas que desexan mellorala.

Carlos Callón (Ribeira, 1978) é presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (a maior asociación cultural de Galiza) e da Fundación Via Galego, así como portavoz nacional da plataforma unitaria Queremos Galego. Tamén presidiu o Comité de Estado da Axencia Europea de Linguas Minorizadas. Profesor de Lingua e literatura galegas en secundaria e investigador sobre sociolingüística e literatura, materias sobre as cales é un prolífico conferencista. Foi tamén concelleiro na súa vila natal e membro do Consello Asesor de RTVE-G. Publicou os ensaios Unha historia que nos pertence. A obra poética en galego de Lorenzo Varela (2005), En castellano no hay problema (Xerais, 2010), Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (Xerais, 2011) Premio Redelibros de Ensaio, Amigos e sodomitas (2011) Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais e Premio Fervenzas Literarias de Ensaio e Como escribir en galego con corrección e fluidez (Xerais, 2012). Obtivo tamén varios galardóns pola súa obra de creación, entre os cales salienta o Premio Internacional de Teatro Breve Lauro Olmo (1996). Ademais de colaborar con asiduidade en varios medios de comunicación, mantén o blogue www.carloscallon.com