Silleda, 9 de outubro de 2014. A empresa Celta Prix asinou hoxe co Concello de Silleda o contrato para a prestación do servizo de recollida de lixo no municipio.
A firma, a única que se presentou ao concurso, comezará a operar con este contrato o vindeiro mércores día 15, prestando un servizo que ofrece diversas melloras respecto ao que se viña prestando nos últimos anos tamén da man desta mesma empresa.
Así, a partir da vindeira semana duplicarase a periodicidade da recollida no rural. Agora pasarase a recoller dous días á semana, en lugar de un como se viña facendo.
Outra das melloras máis salientables é a dotación do sistema de recollida lateral nos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira. A empresa está á espera de que lle suministren estes colectores para proceder de inmediato á súa colocación.
Trátase de colectores de gran capacidade que supoñen moitas vantaxes respecto aos convencionais. Non teñen rodas, contan con un sistema de apertura máis fácil para os cidadáns, e un peche hermético, co que se mellora tamén en aspectos coma a salubridade.
Coa colocación destes novos colectores de gran tamaño nos dous cascos urbanos, para lixo organico e recollida selectiva, os actuais redistribuiranse na zona rural. “Con esta medida acabaremos co déficit de colectores que temos nas parroquias”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña, que advirte que o servizo de recollida “ademais de regularizarse mellorará de forma moi considerable”.
A empresa, que xa viña prestando o servizo no municipio, ofertou unha rebaixa sobre o prezo de licitación, co que o recollida de lixo suporá un aforro de 24.000 euros anuais, é dicir, 2.000 euros cada mes. O custe é de 185.000 euros ao ano.
Tamén a recollida selectiva, que só se realiza en zonas urbanas, amplía a periodicidade de recollida, pasando a realizarse unha vez por semana, en lugar de cada 15 días, como se facía ata o de agora.
Así mesmo, a empresa tamén se compromete a ampliar as tarefas de lavado e limpeza dos colectores, que se realizarán entre 5 e 6 veces ao ano.
O contrato coa empresa Celta Prix, segundo establecen os pregos do concurso, terá unha duración de un ano, con unha cláusula de vencemento no caso de que o Concello de Silleda decida adherirse ao servizo de recollida provincial.
De feito, no último pleno aprobouse a adhesión do Concello de Silleda ao convenio marco para o Servizo Provincial de Recollida de Lixo. “Sumarémonos ao servizo da Diputación en canto esté operativo, pero de momento a empresa adxudicataria comezará a traballar a partir da vindeira semana con importantes melloras”, engade o alcalde.