Silleda, 5 de agosto de 2014. A Mesa de Contratación do concurso para o servizo de recollida de lixo no municipio de Silleda, reuniuse hoxe para a apertura de plicas dentro do proceso de adxudicación do servizo de recollida de lixo. A única empresa que se presentou ao concurso, Celta Prix, foi proposta para a adxudicación deste servizo, que custará 185.000 euros ao ano, con IVE incluído.
A empresa, que xa viña prestando o servizo no municipio, ofertou pois unha rebaixa sobre o prezo de licitación, co que o recollida de lixo suporá un aforro de 24.000 euros anuais, é dicir, 2.000 euros cada mes.
Ademais deste notable aforro respecto ao custe actual, a empresa proposta presentou unha serie de melloras importantísimas no servizo. Unha das máis salientables é a dotación do sistema de recollida lateral nos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira. Así, a empresa colocará novos colectores adaptados a este sistema, cos que xa contan as grandes vilas e cidades.
Trátase de colectores de gran capacidade que suponen moitas vantaxes respecto aos convencionais. Non teñen rodas, contan con un sistema de apertura máis fácil para os cidadáns, e un peche hermético, co que se mellora tamén en aspectos coma a salubridade.
Coa colocación destes novos colectores de gran tamaño nos dous cascos urbanos, para lixo organico e recollida selectiva, os actuais redistribuiranse na zona rural. “Con esta medida acabaremos co déficit de colectores que temos nas parroquias”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña, que advirte que o servizo de recollida “ademais de regularizarse mellorará de forma moi considerable”.
No tocante á recollida selectiva, que só se realiza en zonas urbanas, tamén se amplia a periodicidade de recollida, pasando a realizarse unha vez por semana, en lugar de cada 15 días, como se facía ata o de agora.
Dous días de recollida no rural e máis lavados
Así mesmo a empresa, tal e como recollían as cláusulas do contrato, realizará a recollida de lixo no rural dous días a semana, co que se duplica a retirada de residuos, xa que na actualidade só se vén realizando unha vez por semana nas parroquias. “Esta é outras das importantes melloras que conseguimos co proceso de adxudicación”, remarca o alcalde.
Así mesmo, a empresa tamén se compromete a ampliar as tarefas de lavado e limpeza dos colectores, que se realizarán entre 5 e 6 veces ao ano.
O contrato coa empresa Celta Prix, segundo establecen os pregos do concurso, terá unha duración de un ano, con unha cláusula de vencemento no caso de que o Concello de Silleda decida adherirse ao servizo de recollida provincial.
O proceso de licitación do servizo abriuse o pasado mes de xuño, sendo un dos máis apremiantes para normalizar un dos servizos básicos que dende o Conclelo se presta á cidadanía.
Esta adxudicación fíxose en base a un estudo feito polo propio alcalde sobre os custes deste servizo, que se situaban ata o de agora en 200.000 euros ao ano (uns 17.500 euros ao mes).
Agárdase que o servizo poida comezar a prestarse xa na primeira quincena do vindeiro mes de setembro.
“Esta regularización xa comezou coa aprobación da nova ordenanza que regula as taxas pola prestación dun servizo que por outra banda estaba sangrando as arcas municipais cun gravísimo déficit”, engade o alcalde, “e que agora mellorará notablemente en moitos aspectos”.