Chega á Escola de Música de Silleda o sistema Fasolet, un novidoso sistema didáctico, cun curso para mestres

Silleda, 7 de decembro de 2017.  A Escola de Música Municipal de Silleda collerá o vindeiro mes de xaneiro un curso de formación do profesorado sobre o sistema didáctico denominado Fasolet.

Esta novidosa didáctica, para iniciar na música a nenos e nenas de 3 a 8 anos, naceu en Valencia da man de Joventuts Musicals de la Vall d’Albaida, unha asociación de escolas de música encamiñada ao desenvolvemento musical, persoal e social.

Os tres pilares fundamentais desta metodoloxía son: audición, análise e improvisación.

A encargada de impartir o curso en Silleda será a profesora Patricia Moreno Vidal, que formará aos docentes interesados en contidos como as bases psicolóxicas na educación musical de 3 a 7 anos, educación rítmita e movemento, educación instrumental, audición musical activa, lectura aplicada ou improvisación rítmica e melódica.

O curso terá lugar os días 2,3, e 4 de xaneiro nas dependencias da Escola de Música de Silleda, en horario de 09:30 a 13:30 e de 15:30 a 19:00 horas. As persoas interesadas poden recibir máis información sobre o curso e o prezo do mesmo na propia escola, no teléfono 986 592004  (en horario de 16:00 a 21:30)  horario de tarde, ou a través do enderezo esmu.silleda@gmail.com.

Con esta iniciativa preténdese propoporcionar recursos didácticos e pedagóxicos para potenciar as capacidades musicais na etapa de iniciación.

Entre os principios pedagóxicos deste método destacan a educación oportuna, con programas adaptados ás diferentes etapas de desarrollo físico, intelectual e social dos nenos ou o desenvolvemento da capacidade auditiva , guiando aos alumnos/as a través do seu patrón de aprendizaxe natural.

Tamén destacan a realización de clases en grupo, para fomentar unha actitude posivitiva cara a linguaxe musical, o uso dos instrumentos de teclado como recurso didáctivo ou mesmo a participación dos pais/nais nas aulas.

Dende a Concellería de Cultura, Ana Luisa González, indica “que dende o primeiro momento en que a Escola de Música de Silleda nos propuxo realizar esta iniciativa consideramos que se trataba dunha actividade moi interesante e novidosa dende o punto de vista didáctico”, indica, animando aos profesores de música da zona a coñecer de cerca este método que ten entre os seus obxectivos compartir vivencias musicais en grupo, desarrollar o sentido musical, a creatividade e a expresión corporal; o uso das cancións populares como referentes culturais á hora de traballar a memoria e a improvisación, ou a potenciación da lectura e a comprensión coporal dos elementos musicais, entre outros.